lunes, 22 de diciembre de 2014

PROGRAMA DE FOMENTO DO EMPREGO E A ECONOMÍA DOS SECTORES EXTRATÉXICOS DA PROVINCIA

EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO
ÁREA DE EMPREGO, ECONOMÍA SOSTIBLE E DEMOGRAFÍA



OBXECTO
O obxecto da presente convocatoria ten como finalidade articular as condicións polas que rexerá a convocatoria publica en réxime de concorrencia competitiva para a selección de Entidades da provincia de Lugo,
susceptibles de percibir subvencións para o fomento do emprego e a economía dos sectores estratéxicos da
provincia de Lugo a través da contratación por 12 meses de traballadores en situación de desemprego.
A finalidade do plan é seleccionar ás entidades máis capacitadas para acadar o obxectivo das bases que é a
incorporación o mercado de traballo de desempregados e crear un incentivo económico que redunde nunha
mellora das perspectivas de empregabilidade. 
BENEFICIARIOS
Nesta convocatoria poderán ser entidades beneficiarias da subvención, pequenas empresas e microempresas (segundo a definición recollida na Recomendación 2003/361 da U.E), calquera que sexa a súa forma xurídica, empresarios individuais e profesionais, comunidades de bens e sociedades civís, así como asociacións, federacións, fundacións, e outras entidades sen ánimo de lucro que reúnan os seguintes requisitos.
-Dispoñer de capacidade e solvencia técnica.
-Estar inscritas no rexistro público correspondente.
-Dispor dos medios técnicos necesarios para que o traballador desempeñe ás súas tarefas.
-Contar cun centro de produción ou que realicen a prestación de servizos na provincia de Lugo. Para o caso de entidades que dispoñan de máis dunha sede, só será beneficiaria aquela situada no ámbito provincial de Lugo quedando automaticamente excluída calquera outra.
-Atoparse en actividades encadradas dentro do sectores estratéxicos definidos no Plan Estratéxico da Deputación provincia de Lugo publicado na páxina web www.deputacionlugo.org
-Non ter realizado despedimentos calificados como improcedentes ou nulos de traballadores nos seis meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
-No caso de realizar contratos en prácticas e para a formación e aprendizaxe ter capacidade de xestión suficiente para a execución dos proxectos formativos de práctica laboral solicitados así coma deseñar un proxecto ou programa formativo de práctica laboral por medio do cal os traballadores poidan adquirir competencias para o exercicio de actividades profesionais que faciliten a súa empregabilidade tal e como establece a normativa laboral
-Estar relacionada a súa actividade cos perfís de traballadores solicitados.
-Dispoñer de persoal cualificado que se encargue de exercer as funcións de coordinador e interlocutor coa Deputación de Lugo.
No caso de sociedades civís, comunidades de bens e Unións Temporais de Empresas deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.
Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.
Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas nesta orde deberá presentarse unha solicitude
axustada aos modelos normalizados que figuran como anexos destas Bases e que se porán a disposición dos
interesados na páxina web institucional da Deputación de Lugo (www.deputacionlugo.org).
A solicitude (Anexo I-VI) poderá presentarse na oficina do Rexistro Xeral da Deputación de Lugo (rúa san
Marcos, 8- 27001 Lugo) ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Para tal efecto e co fin de determinar a data de presentación, deberá figurar no modelo oficial de solicitude o
selo de entrada da oficina de rexistro correspondente.
Non se admitirá máis dunha solicitude por entidade aínda que na mesma solicitude pódese optar a varios perfís por orde de preferencia e xustificando a súa necesidade.
O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles (15) contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte.
Non axustarse aos termos desta convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos
artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.