lunes, 29 de diciembre de 2014

AXUDAS A PROXECTOS COLABORATIVOS DE CAPACITACIÓN SECTORIAL

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Proxectos obxecto de apoio e exclusións
1.1. Co obxectivo de incentivar a formación do capital humano, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá concederlles subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para mellorar a capacitación do equipo humano nas empresas ás cales representan:
a) Proxectos de capacitación en tecnoloxías, metodoloxías ou técnicas aplicables a un determinado sector ou ámbito de negocio.
b) Proxectos de capacitación en deseño de produto, packaging, novos modelos de negocio, comercialización ou acceso a mercados que sexan específicos dun determinado sector ou ámbito de negocio.
c) Proxectos de capacitación dirixidos a acadar competencias necesarias de cara a abordar no futuro a implantación de certificacións de calidade sectoriais.
d) Proxectos de capacitación en xestión empresarial e de capacitación directiva nun determinado sector ou ámbito de negocio.
En todos os proxectos deben participar un mínimo de 10 persoas pertencentes a 5 ou máis empresas galegas ou con centro de actividade en Galicia que, necesariamente, deberán participar no financiamento cun mínimo conxunto do 10 % do custo total subvencionable do proxecto e co máximo na porcentaxe non cuberta pola subvención. Os proxectos terán unha duración presencial mínima de 30 horas para cada asistente, que se deberá levar a cabo en Galicia. Poderanse realizar varias edicións dos proxectos formativos con distintos asistentes.
1.2. Cada solicitude de axuda debe ser relativa a só un dos tipos de proxectos de capacitación admisibles, e pode comprender unha ou varias edicións sempre que sexa para distintos participantes (na mesma ou distintas localizacións). Cada organismo intermedio poderá presentar varias solicitudes (unha por cada proxecto distinto para o cal solicite axuda).
1.3. Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, resulten cun gasto subvencionable inferior a 8.000 €.
Beneficiarios
4.1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:
– Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderase como tal unha entidade con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliada en Galicia, que pertenza a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, consellos reguladores de denominacións de orixe ou clústers empresariais apoiados no ámbito das axudas do Igape ás agrupacións (clústers) innovadoras ou que teñan a cualificación de AEI outorgada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
– Os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2014 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros; BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).
4.2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren na categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras (DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014), e que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
4.3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de xaneiro de 2015 e rematará o 3 de febreiro de 2015.