miércoles, 13 de agosto de 2014

SUBVENCIÓNS A PRODUCCIÓNS E COPRODUCCIÓNS DE CONTIDO CULTURAL GALEGO

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


 Obxecto
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír ao fomento da produción da actividade audiovisual galega, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2014.
2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.
3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade.
Beneficiarios
1. Poderán optar a estas axudas todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes (epígrafe IAE 9611), domiciliadas polo menos por un ano, previo á data de finalización de presentación de solicitudes desta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a área económica europea e que desempeñen a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia. Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada, nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).
2. En calquera caso, a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada ás necesidades de apoio que se desprendan do seu carácter cultural, ás condicións económico-financeiras do proxecto e ás do seu impacto na actividade cultural da Comunidade Autónoma.
3. Non poderán ser destinatarios das subvencións previstas nesta convocatoria as empresas produtoras que só teñan unha participación financeira no proxecto de longametraxe.
4. Só poderán participar nesta convocatoria aquelas produtoras que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual.
5. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por un mesmo solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por solicitante. A persoa solicitante deberá establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados, que a comisión de valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades. Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.
6. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, así como ás empresas en crise, tal e como establecen os artigos 1 e 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
7. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.
Prazo de solicitude: ata o 13 de setembro de 2014.