miércoles, 13 de agosto de 2014

AXUDAS PARA A UTILIZACIÓN DA MAQUINARIA EN RÉXIME ASOCIATIVO

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2014 novamente a liña de axuda en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia (procedemento MR351A).
2. A dita liña de axuda está establecida na Orde do 19 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 (DOG nº 82, do 29 de abril de 2013).
3. Esta axuda ten como finalidade:
a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.
b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.
c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.
4. As solicitudes desta axuda tramitaranse de acordo coa presente orde e coas bases reguladoras da Orde do 19 de abril de 2013.
Beneficiarios 
Poderán ser beneficiarios da axuda regulada nesta orde:
a) As cooperativas agrarias que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (en diante CUMA), sociedades agrarias de transformación (en diante SAT), que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG nº 251, do 30 de decembro) de cooperativas de Galicia, así como outras agrupacións con personalidade xurídica propia, e soamente para investimentos directamente relacionados coa súa actividade: as comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendentes superiores ao 15 % e asociacións de faba e castaña.
b) O resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestaren servizos aos seus socios.
c) As cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións, nos 5 anos posteriores á súa constitución.
Non se concederán axudas ás entidades beneficiarias das axudas convocadas pola Orde do 30 de decembro de 2013 pola que se convocan para o ano 2014 as axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (DOG nº 16, do 24 de xaneiro de 2014).
Prazo de solicitude: ata o 13 de setembro de 2014.