martes, 5 de agosto de 2014

SUBVENCIÓN PARA FOMENTAR A REMUDA COMERCIAL

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Obxecto:  As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto facilitar a remuda comercial dos pequenos comerciantes individuais autónomos que transmitan o seu negocio a un terceiro, asegurando a súa continuidade e fomentando a rexeneración do tecido comercial.
As contías da subvención serán as seguintes:
a) Os transmisores que teñan a idade ordinaria para causar a pensión de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñeran desenvolvendo, que se fixa na cantidade de setecentos euros (700 €).
b) Os transmisores que non teñan acadada a idade ordinaria de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñeran desenvolvendo, a razón de setecentos euros (700 €) mensuais ata o último mes en que cumpran a idade ordinaria de xubilación legalmente establecida, contados desde o mes seguinte a causaren baixa comercial.
c) Os adquirentes do negocio comercial percibirán un pagamento único de dous mil euros (2.000 €), con independencia do número de establecementos que adquiran.
Durante o período de percepción das axudas reguladas nesta orde, os transmisores beneficiarios quedarán coa obriga de cotizar no correspondente réxime da Seguridade Social, no caso de que deba seguir cotizando para cubrir o período mínimo de cotización de quince anos, e deberán ser as propias persoas beneficiarias as que fagan o pagamento das ditas cotas de cotización á Seguridade Social e a subscrición, de ser o caso, do correspondente convenio, ou da documentación acreditativa de causar baixa no réxime de autónomos, se non se subscribe.
Beneficiarios/as
1. Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os/as comerciantes retallistas que teñan capacidade legal para exerceren o comercio e se dediquen a el de xeito habitual, de acordo coa definición establecida no artigo 1 do Código de comercio, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na dita comunidade autónoma.
b) Ter unha idade mínima de 64 anos cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
c) Exercer, como titular do comercio, unha ou varias das actividades comerciais relacionadas no anexo II, de forma ininterrompida durante os últimos dez anos.
No caso de que a persoa solicitante estea dada de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, será considerada beneficiaria sempre que a actividade principal estea incluída dentro das agrupacións citadas. Considerarase actividade principal aquela que resulte de conxugar os elementos de facturación e superficie de venda destinada á actividade, que deberá acreditarse, se é o caso, coa presentación da declaración da renda do último exercicio.
d) Estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social nos dez últimos anos de forma ininterrompida e ter cotizado á Seguridade Social un período previo tal que lle permita completar o período de carencia exixido para causar dereito á pensión de xubilación, polo menos ao chegar á idade ordinaria de xubilación.
e) Designar a persoa física continuadora da actividade, con capacidade legal para exercer o comercio.
f) Que figure inscrito no Rexistro Galego de Comercio ou ter solicitada a inscrición con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
2. Tamén se considerarán beneficiarias as persoas designadas polo solicitante para a remuda comercial, con capacidade legal para exerceren o comercio, e quedarán vinculadas ambas as dúas persoas para a concesión da subvención.
En ningún caso pode un cónxuxe ser adquirente do outro cónxuxe que transmite a actividade comercial.
Non poderán acadar a condición de beneficiarios aqueles solicitantes en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 1 de setembro de 2014.