martes, 15 de abril de 2014

PROGRAMA REENCONTROS NA TERRA PARA RESIDENTES NO EXTERIOR

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


 Obxecto: A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas correspondentes ao programa Reencontros na Terra para o ano 2014, que ten por finalidade promover o contacto dos/as galegos/as residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía en residencia e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.
As axudas consistirán no financiamento do custo da viaxe, de ida e volta e da estadía en residencia, dos/as emigrantes galegos/as que carezan de recursos desde os seus países de residencia ata Galicia.
Persoas beneficiarias:
1. Poderán ser beneficiarias deste programa, como solicitantes, aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1.1. Ser emigrante galego/a.
1.2. Ter a nacionalidade española.
1.3. Residir en América.
1.4. Ter 65 ou máis anos de idade, cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
1.5. Non ter participado nos últimos 15 anos naturais en programas de viaxes transatlánticos a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.
1.6. Valerse por si mesmo, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
1.7. Ter ingresos inferiores a 1,5 veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridad Social para o ano da convocatoria, segundo os países de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 por cento da devandita cifra polo número de convivintes menos un.
2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas persoas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre e cando estas cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5 e 1.6 deste artigo.
3. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan co solicitante.
4. As relacións de feito análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren fillos/as en común, será suficiente acreditar a convivencia.
Prazo de presentación das solicitudes: ata o 16 de xuño de 2014.