INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
viernes, 16 de junio de 2023
PROGRAMA DE AXUDAS Á ELABORACIÓN DO LIBRO DO EDIFICIO 2023
Obxecto e réxime de concesión das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axuda á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, para a anualidade 2023, con carácter plurianual (código de procedemento VI406G).
2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 54 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Do citado esgotamento de crédito darase publicidade no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Persoas ou entidades beneficiarias
1. Ao abeiro do artigo 51 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila e de edificios existentes de tipoloxía residencial de vivenda colectiva, ben sexan persoas físicas ben teñan personalidade xurídica de natureza privada.
b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
c) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.
d) As sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de propietarios ou agrupacións de comunidades de propietarios constituídos conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás a da letra e) dos citados artigos, relativa á obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, no suposto da liña B, no caso de que non se presente o proxecto técnico xunto coa solicitude. Nos demais supostos, dado que a xustificación se presenta xunto coa solicitude, non se poderá pagar a axuda mentres non se acredite estar ao día no cumprimento das ditas obrigas.
3. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o seguinte réxime en materia de axudas de estado:
a) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos tres anos fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa inferior a 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
b) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos 3 anos fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa igual ou superior aos 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicando a exención correspondente ás axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética regulada no artigo 38.
O sometemento a esta norma de exención comunitaria require o cumprimento das seguintes condicións:
1º. Que se exclúan como posibles beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do dito Regulamento (UE) 651/2014, e as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
2º. Que a solicitude da axuda sexa anterior ao inicio das actuacións subvencionables, para cumprir o requisito de que a axuda teña efecto incentivador.
3º. Que a intensidade da axuda non supere as porcentaxes sinaladas no artigo 38 do devandito Regulamento 651/2014, isto é, o 35 % dos custos subvencionables, que pode incrementarse nun 10 % para as medianas empresas e nun 20 % para as pequenas empresas. Para determinar o cumprimento da intensidade máxima de axuda debe terse en conta o importe total das axudas estatais concedidas para os mesmos custos subvencionables.
Prazo de presentación de solicitudes
As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 2 de outubro de 2023, agás que, con anterioridade, se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
AXUDAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS PARA A IMPLANTACIÓN DE INSTALACIÓN DE ENERXÍAS RENOVABLES TÉRMICAS EN EDIFICIOS NON RESIDENCIAIS, ESTABLECEMENTOS E INFRAESTRUTURAS DO SECTOR PÚBLICO
AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA
Finalidade
1. A presente resolución ten por obxecto aprobar a convocatoria de axudas para o programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público para o ano 2023, de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro (publicado no BOE núm. 305, do 22 de decembro), modificado polo Real decreto 377/2022, do 17 de maio (BOE núm. 118, do 18 de maio) (código de procedemento IN422O).
2. Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:
Programa de incentivos 2: realización de instalacións de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público.
Beneficiarios
Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 3 da convocatoria, sempre que non realicen unha actividade económica pola que ofrezan bens ou servizos no mercado, e en concreto, os seguintes:
a) As entidades locais territoriais previstas no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local ou calquera outra entidade local ou supralocal, distinta das anteriores, legalmente constituída e dotada de personalidade xurídica propia.
b) Calquera entidade do sector público institucional de calquera Administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como as entidades de dereito privado ou organizacións privadas sen ánimo de lucro.
c) Agrupacións, asociacións, consorcios ou calquera outra forma de colaboración, con ou sen personalidade xurídica e sen actividade económica de calquera das figuras do artigo 16.2, punto 1 e 2 das bases reguladoras (Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro).
Prazo de presentación de solicitudes de axuda
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas, transcorridos 20 días hábiles desde a publicación da convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de decembro de 2023, que, ao ser inhábil, se prorrogará ao día seguinte hábil (2 de xaneiro de 2024).
Prazos de execución e xustificación das actuacións
O prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 18 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.
Este prazo poderase ampliar de conformidade co previsto no artigo 70 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE ENSINANZAS ARTÍSTICAS PROFESIONAIS DE MÚSICA, DANZA E DE ARTES PLÁSTICA E DESEÑO CURSO 2022/23
CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES
Obxecto
Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño para o alumnado que finalizou as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2022/23 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.
Persoas beneficiarias
Alumnado que finalizou as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño no curso 2022/23, nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música ou de Danza ou cunha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
jueves, 15 de junio de 2023
PROGRAMA DE AXUDAS Á REHABILITACIÓN A NIVEL DE EDIFICIO 2023
INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro) coa finalidade de financiar obras ou actuacións coas cales se obteña unha mellora acreditada da eficiencia enerxética, con especial atención á envolvente edificatoria nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, e nas vivendas unifamiliares, para a anualidade 2023, con carácter plurianual (código de procedemento VI406F).
2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 35 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Do citado esgotamento de crédito darase publicidade no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Persoas beneficiarias
1. Ao abeiro do artigo 31 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas:
a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila e de edificios existentes de tipoloxía residencial de vivenda colectiva, así como das súas vivendas, ben sexan persoas físicas ou ben persoas xurídicas de natureza privada.
b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal.
c) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal, así como as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actuacións que motiva a concesión da subvención.
d) As sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, e por cooperativas en réxime de cesión de uso das súas vivendas.
e) As empresas arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas que acrediten a dita condición, mediante contrato vixente que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto do programa.
2. Cando resulten beneficiarias persoas xurídicas de natureza privada, deberán declarar expresamente na solicitude que se encontran debidamente constituídas, conforme a normativa que lles resulte de aplicación.
Para que as entidades que carezan de personalidade xurídica propia sexan beneficiarias, coa excepción das comunidades de persoas propietarias, deberán facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará por cada un deles. Nestes casos, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes bastantes.
3. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás a da letra e) dos citados artigos, relativa á obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social.
4. Cando a execución da actuación corresponda a varias persoas ou entidades beneficiarias, a axuda distribuirase en proporción ao custo e á responsabilidade asumidos por cada unha.
5. Cando a persoa propietaria da vivenda e a persoa arrendataria dela acorden que esta última financie ao seu cargo as actuacións de rehabilitación que correspondan a cambio do pagamento da renda, a persoa arrendataria poderá solicitar da comunidade de persoas propietarias ou, de ser o caso, da persoa propietaria única, a adopción do correspondente acordo que se require para solicitar estas axudas. Neste suposto, a persoa arrendataria poderá ter a consideración de beneficiaria.
6. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o seguinte réxime en materia de axudas de Estado:
a) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos tres anos fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa inferior a 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
b) Cando a suma do importe das axudas concedidas nos últimos tres anos fiscais e da contía da axuda solicitada nesta convocatoria sexa igual ou superior aos 200.000 euros, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicando a exención correspondente ás axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética regulada no artigo 38.
O sometemento a esta norma de exención comunitaria require o cumprimento das seguintes condicións:
1º. Que se exclúan como posibles beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do dito Regulamento (UE) nº 651/2014, e as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
2º. Que a solicitude da axuda sexa anterior ao inicio das actuacións subvencionables, para cumprir o requisito de que a axuda teña efecto incentivador.
3º. Que a intensidade da axuda non supere as porcentaxes sinaladas no artigo 38 do devandito Regulamento 651/2014, isto é, o 35 % dos custos subvencionables, que pode incrementarse nun 10 % para as medianas empresas e nun 20 % para as pequenas empresas. Para determinar o cumprimento da intensidade máxima de axuda debe terse en conta o importe total das axudas estatais concedidas para os mesmos custos subvencionables.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 2 de outubro de 2023, agás que, con anterioridade, se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
PROGRAMA DE AXUDAS ÁS ACTUACIÓNS DE MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA EN VIVENDAS
INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, coa finalidade de financiar actuacións ou obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas, para a anualidade 2023, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).
2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 45 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Persoas beneficiarias
1. Ao abeiro do artigo 41 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas.
2. As persoas beneficiarias das axudas poderán facultar e autorizar, mediante o correspondente acordo, que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta delas.
O axente ou xestor da rehabilitación é aquela persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada, que poida realizar actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións subvencionables, ao abeiro do artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.
3. As persoas beneficiarias e, de ser o caso, o axente ou xestor da rehabilitación que actúe por conta delas destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións.
Prazo de presentación de solicitudes
As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución ata o 2 de outubro de 2023, agás que, con anterioridade, se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
1ª CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓN PARA ACCIÓNS FORMATIVAS CON COMPROMISO DE CONTRATACIÓN EN UNIDADES FORMATIVAS DAS EMPRESAS 2023
CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE
Obxecto e ámbito de aplicación
1. A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as convocatorias públicas de subvención das accións formativas para o emprego en unidades formativas nas empresas e con compromiso de contratación (código de procedemento TR301P).
Enténdese por unidade formativa da empresa, a formación con compromiso de contratación impartida con medios propios da beneficiaria, ou a través dunha entidade contratada nos termos desta orde, que teña por obxecto a realización das accións formativas solicitadas e relacionadas coa súa actividade empresarial.
2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2023-2025. Así mesmo, coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o ano 2023.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación, que adquiran, no marco da actividade subvencionada, o compromiso de contratación das persoas traballadoras aprobadas e/ou formadas a que se refire esta orde.
Entenderase por agrupación temporal de empresas para os efectos desta orde, cando distintas empresas pertencentes a un sector ou actividade acrediten a correspondente agrupación mediante un acordo ou convenio entre elas.
2. Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases, as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención.
Prazo de presentación das solicitudes da primeira convocatoria
O prazo de presentación de solicitudes, contado desde o día da entrada en vigor da orde, estará aberto ata o día 30 de setembro de 2023.
PREMIOS DA CULTURA GALEGA PARA O ANO 2023
CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES
Convocatoria
Convócanse os Premios da Cultura Galega en todas as súas modalidades para o ano 2023 (código de procedemento CT142A).
1. Premio Cultura Galega de Letras.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada coa literatura galega, con méritos especiais ao desenvolvemento de novos recursos e no plano expresivo, na construción dunha linguaxe propia, na creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas, tanto nos soportes convencionais como nos virtuais e outras formas experimentais coa escrita, así como calquera outro aspecto que contribúa a fortalecer o sistema literario galego e a súa imaxe pública.
2. Premio Cultura Galega de Artes Visuais.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada ás artes visuais galegas, con méritos especiais no que atinxe ao desenvolvemento de recursos expresivos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo a partir de materiais convencionais ou de soportes virtuais e experimentais, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a enriquecer a creación plástica galega e a súa imaxe pública.
3. Premio Cultura Galega de Artes Escénicas.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades cunha traxectoria vinculada ás artes escénicas galegas meritoria en canto a recursos escénicos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a ampliar a representación escénica de Galicia e a súa imaxe pública. Nesta categoría terase en conta a obra realizada en soporte físico ou virtual, e incluiranse propostas teóricas ou proxectos de especial interese creativo ou innovador, que sirvan de referencia para a evolución escénica de Galicia.
4. Premio Cultura Galega de Música.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á creación ou á promoción da música galega. Valorarase especialmente a achega para reforzar a imaxe desta arte como creadora dunha linguaxe galega de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais.
5. Premio Cultura Galega de Audiovisual.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á creación, á promoción ou á difusión da creación audiovisual galega, con méritos especiais no desenvolvemento de novos recursos e no plano expresivo, na construción de linguaxes propias e na capacidade de intercambio con outras sociedades e culturas.
6. Premio Cultura Galega de Lingua.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades de ampla traxectoria no ámbito da promoción da lingua galega. Valorarase o desenvolvemento de obras e de iniciativas destinadas a afianzar o uso e a valoración social do idioma propio de Galicia.
7. Premio Cultura Galega de Patrimonio Cultural.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades que presenten unha traxectoria meritoria vinculada á protección, conservación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación.
8. Premio Cultura Galega de Proxección Exterior.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á difusión cultural de Galicia no exterior, que contribúan a proxectar, dentro e fóra do territorio galego, a riqueza e o valor da cultura galega en calquera campo e a través de calquera medio convencional ou virtual.
Artigo 2. Obxecto e contido dos premios
1. Concederase un único premio en cada unha das modalidades descritas no artigo anterior e non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa ou entidade en modalidades distintas.
2. O premio consistirá nunha peza artística ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.
Artigo 3. Candidaturas
1. Poderán ser candidatas as persoas, colectivos ou entidades que se distingan pola súa traxectoria vinculada ao obxecto da modalidade correspondente de acordo co sinalado no artigo 1.
Na data de formalización da candidatura as persoas propostas como candidatas teñen que estar vivas, e os colectivos e entidades obxecto das candidaturas deben ter actividade.
2. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos.
Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. É preceptivo engadir no formulario normalizado de solicitude (anexo I) da orde os méritos das candidaturas cunha xustificación de entre 15 e 20 liñas descritivas.
Prazo de formalización das candidaturas
1. O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes, segundo o establecido nos artigos 30 e 31 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Non serán admitidas en ningún caso candidaturas presentadas fóra do prazo e da forma establecidos na presente orde.