INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA
miércoles, 5 de abril de 2023
CONCURSO CONSUMÓPOLIS-18: NA INTERNET, CRES TODO O QUE VES?
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso do curso escolar 2022/23 Consumópolis-18 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título: Na internet, cres todo o que ves? (código do procedemento IN114A).
2. O concurso consta de dúas partes: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.
3. A primeira parte do concurso consiste na realización do percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.es, seguindo as instrucións xerais que alí se establecen.
4. A segunda parte do concurso consiste no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto sobre consumo responsable.
Participantes
1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou de 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica en calquera centro público, concertado ou privado da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso dos colexios rurais agrupados (CRA) e as escolas unitarias que, polas súas especiais circunstancias xeográficas ou demográficas, teñan dificultades para conformar os equipos unicamente con alumnado de 5º e 6º cursos de educación primaria, poderán completar os devanditos equipos con alumnado doutros cursos de educación primaria.
3. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teña máis de tres membros do mesmo sexo.
4. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.
5. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.
Categorías de participación
Establécense tres categorías de participación:
– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.
– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.
– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria ou de formación profesional básica.Premios
1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.
2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.
Presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
PREMIOS GALICONS-NET 2023
INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto regular e convocar os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net, para difundir e promover os valores do consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN116A).
Participantes
Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non-universitarios públicos, privados e concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que estean a participar no programa Galicons-net no curso 2022/23 a través dalgunha destas dúas vías: a) convocatoria do Plan Proxecta; b) solicitude formalizada do programa a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
Categorías de participación
1. Establécense catro categorías de participación:
– Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria.
– Categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria.
– Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e grao superior de formación profesional e de educación de persoas adultas.
– Categoría D: alumnado de educación especial.
2. Non se establece un número mínimo de alumnos/as para cada categoría de participación.
3. Cada centro docente só poderá presentar un único proxecto, correspondente a unha das categorías de participación sinaladas. Os centros con alumnado pertencente a varias categorías de participación deberán seleccionar unha das categorías sinaladas, segundo aquela que mellor represente o traballo realizado no centro. No caso de que non se seleccione ningunha categoría de participación, entenderase que o centro se presenta na categoría de participación máis elevada.
Premios
Concederase un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto en cada unha das categorías de participación.
Prazo de presentación
O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 5 de maio de 2023.
OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO PARA O ANO 2023 DO PARLAMENTO DE GALICIA
PARLAMENTO DE GALICIA
ACORDO do 20 de marzo de 2023 polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2023.
O Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia establece no seu artigo 17 que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas mediante persoal existente e deban proverse mediante persoal de novo ingreso serán obxecto, de ser o caso, de aprobación dunha oferta anual de emprego público, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.
Segundo o artigo 67 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, a preparación e o deseño dos plans de oferta de emprego serán obxecto de negociación. Estes criterios xerais foron negociados na Mesa de Negociación do 12 de decembro de 2022 e 28 de febreiro de 2023, que que ratificaron os criterios xerais acordados e publicados no BOPG número 677, do 12 de febreiro de 2009.
Por conseguinte, a OEP 2023 quedaría conformada polas seguintes prazas vacantes dotadas orzamentariamente:
I. Quenda libre.
Corpo: auxiliar do Parlamento de Galicia.
Tipo de persoal: funcionario. Grupo: D.
Número de prazas: 4
II. Promoción interna.
Corpo: letradas e letrados do Parlamento de Galicia.
Tipo de persoal: funcionario. Grupo: A.
Número de prazas: 1.
Corpo: xestión.
Escala: escala técnica de mantemento de infraestruturas.
Tipo de persoal: funcionario. Grupo: B.
Número de prazas: 1.
Corpo: administrativo do Parlamento de Galicia.
Tipo de persoal: funcionario. Grupo: C.
Número de prazas: 4.
AXUDAS Á APICULTURA PERÍODO ESTENDIDO DO 1 DE AGOSTO AO 31 DE DECEMBRO DE 2022
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o período estendido (do 1 de agosto ao 31 de decembro de 2022) do Programa nacional apícola 2020-2022 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).
Ámbito de aplicación e requisitos
1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 3 da orde:
a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Ademais, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas, agrupacións de defensa sanitaria e asociacións de apicultores, con personalidade xurídica propia, na medida en que os seus integrantes cumpran os requisitos establecidos no punto 2, Entidades apícolas.
2. Para acollerse ás axudas, as persoas apicultoras, a título individual ou como integrantes dunha entidade apícola, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Seren titulares, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022, dunha explotación apícola inscrita no Rexistro Galego de Explotacións Apícolas (Regeap), fóra daquelas persoas que adquirisen a titularidade con posterioridade por falecemento, xubilación ou incapacidade laboral da anterior titular e sexan parentes desta en, como máximo, cuarto grao. Así mesmo, exceptúanse do devandito requisito os supostos de forza maior.
b) Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.
c) Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.
d) Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas.
e) Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002.
f) Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2021 antes do día 1 de marzo de 2022.
g) Teren realizada a validación anual do libro de rexistro de explotación apícola (CEAT) con resultado favorable antes do 1 de marzo de 2022, segundo o recollido no artigo 7, punto 2, do Real decreto 209/2002 e no artigo 6 do Decreto 339/2009, do 11 de xuño, sobre ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas na Comunidade Autónoma de Galicia.
As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas.
3. No caso das entidades apícolas, para seren beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.
4. Unha mesma persoa apicultora só poderá ser beneficiaria da axuda para cada unha das súas colmeas por unha mesma liña, ben a título individual, ben como integrante dunha entidade apícola. Deberá indicar na solicitude individual da axuda as liñas que solicita a través dunha entidade apícola, de ser o caso.
Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha entidade apícola, ben sexa para unha ou varias liñas de axuda, non poderán solicitar a axuda como integrantes doutra entidade apícola.
De ser o caso, soamente se terá en conta esa persoa apicultora na solicitude da entidade apícola que a inclúa como beneficiaria naquela liña de axuda que ocupe o primeiro lugar, atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 9.1 desta orde de axudas.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
AXUDAS ECONÓMICAS ÁS PERSOAS CON ESCLEROSE LATERAL AMIOTRÓFICA 2023
CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, a través dun procedemento baixo o réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ás persoas con diagnóstico de ELA, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento administrativo BS215A).
Persoas beneficiarias
1. Poderán solicitar as axudas económicas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:
a) Ter feitos os 18 anos.
b) Estar empadroado nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Estar diagnosticadas da enfermidade da esclerose lateral amiotrófica (en diante, ELA).
d) Ter recoñecida a situación de dependencia ou ter solicitada a situación de dependencia.
2. Ademais, as persoas beneficiarias da axuda teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de novembro de 2023.
Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
martes, 4 de abril de 2023
MODIFICACIÓN.-AXUDAS PARA PALIAR OS DANOS PRODUCIDOS POLO LOBO 2023
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA