martes, 21 de enero de 2020

PREMIOS AGADER ÁS INICIATIVAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL


Obxecto
Fomentar actuacións que animen á participación privada no proceso de desenvolvemento rural mediante a concesión de premios a iniciativas de desenvolvemento rural.

Beneficiarios
Persoas físicas ou xurídicas de natureza privada.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE AUDITORÍAS ENERXÉTICAS, IMPLANTACIÓN DE SISTEMAS DE XESTIÓN E PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS DOS SECTORES INDUSTRIAL E SERVIZOS

AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA


Obxecto
A realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industria e servizos.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector servizos ou na industria. Para os efectos destas bases defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014. Só serán subvencionables as actuacións realizadas en centros de traballo localizados en Galicia.
Considerarase sector servizos as actividades incluídas nas seccións: G, H, I, J, L, M, N, O, P, Q, R, S, T ou U do CNAE 2009. Dentro do sector industria serán subvencionables as empresas incluídas na Sección B, C ou D do CNAE-2009, coa excepción da industria extractiva enerxética, as de refinación do petróleo e biocombustible, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.
Tamén serán subvencionables as actividades previstas no IAE que se correspondan con estas seccións do CNAE 2009.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia, corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea a) deste artigo e amparadas polo Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior e polo Regulamento 1388/2014 no caso de pemes adicadas á transformación de produtos da pesca e da acuicultura.

 Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no Diario Oficial de Galicia.
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal. Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria.

AXUDA ECONÓMICA A TRAVÉS DA TARXETA BENVIDA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2020 teñan un fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos e para aqueloutras que, tendo obtido a axuda ou non accedendo a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2018 e 2019, experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías reguladas no artigo 4.2 e proceder á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).
2. A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en oficinas de farmacia, parafarmacias, ópticas, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:
a) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.
b) Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2020.

3. Igualmente poderán beneficiarse das contías previstas no artigo 4.2 aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 € ou non accedesen a ela por superar os ingresos previstos, nas respectivas convocatorias do ano 2018 e 2019 e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas. O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2020 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

 Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.
No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2020 e sempre que o fillo ou filla nacese con anterioridade ao seu regreso, o prazo será de tres meses, que se contarán a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. Opcionalmente, poderá presentarse a solicitude durante o período de xestación estando, en todo caso, a súa concesión supeditada ao cumprimento dos requisitos previstos no artigo 3.

3. Para atender os supostos en que se produza unha variación á baixa da renda da unidade familiar con posterioridade á concesión da axuda que implique ter dereito ás contías previstas no artigo 4.2, habilitarase nos sucesivos exercicios orzamentarios un prazo de dous meses, que se contarán desde o 1 de xaneiro das respectivas anualidades, para comunicar a dita circunstancia mediante a presentación do anexo III.
As familias que obtivesen a axuda xeral de 1.200 € no ano 2018 e 2019 ou non accedesen a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2018 e 2019 disporán dun prazo de dous meses desde o 1 de xaneiro de 2020 para esta finalidade, e deberán presentar o anexo III, no caso de ter presentado xa unha solicitude, ou o anexo I no suposto de non ter solicitado a axuda no ano de referencia.

4. No suposto excepcional de ampliación da axuda ata un ano máis previsto no artigo 4.4 a comunicación da situación de especial vulnerabilidade realizarase dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos.

PRESTACIÓN ECONÓMICA DE PAGAMENTO ÚNICO POR FILLAS E FILLOS MENORES DE TRES ANOS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2020 (código de procedemento BS410A).

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos nados entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2017, ambos os dous días incluídos, e que, durante o ano 2018, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.
Serán igualmente beneficiarias desta prestación as fillas ou fillos adoptados ou acollidos mediante resolución, xudicial ou administrativa, ditada entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2017.

2. Nos supostos de que exista unha resolución xudicial que atribúa a custodia exclusiva a unha das persoas proxenitoras, a persoa beneficiaria será aquela que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido na dita resolución.

3. Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a formada polo pai e/ou a nai que teña/n a custodia do ou da menor polo que se solicita a axuda e os fillos e fillas da persoa solicitante.

4. En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.

5. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

6. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tipo de axuda e contía
A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:
a) Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.
b) Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.
c) Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será de trinta e cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

viernes, 17 de enero de 2020

CORRECCIÓN DE ERROS.- AXUDAS PARA INVESTIMENTOS NA ELABORACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS VITIVINÍCOLAS

AXUDAS PARA A CONTINUIDADE DAS CASAS NIÑO

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas en réxime de concorrencia non competitiva ás persoas titulares de casas niño autorizadas pola Consellería de Política Social para iniciar a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de marzo de 2017, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020, coa finalidade de dar continuidade a este recurso e seguir atendendo as necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia en que están establecidas (código de procedemento BS403G).

Persoas beneficiarias
1. Poderán optar a estas axudas as persoas físicas titulares das casas niño recollidas no artigo 1 que estean en funcionamento e manteñan a súa situación de alta fiscal e na Seguridade Social como persoas traballadoras por conta propia.
2. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obteren a condición de beneficiarias.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

AXUDAS DIRIXIDAS A EMPRESAS QUE REALICEN PUBLICACIÓNS PERIÓDICAS ESCRITAS INTEGRAMENTE EN GALEGO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. De acordo co artigo 2 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado, estas axudas económicas teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura nas tarefas de información xornalística.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas inscritas no Rexistro Mercantil que realizasen publicacións periódicas escritas integramente en galego durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
2. Quedan excluídas da concesión de axudas:
a) Os boletíns de información interior ou de institucións.
b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.
c) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.
d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.
e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativizado.
f) Aquelas publicacións que non se editasen durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria ou non manteñan a súa actividade no momento da concesión da subvención.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.