lunes, 30 de septiembre de 2019

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A) cuxa vixencia comprenderá desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 31 de outubro de 2021, período durante o cal poderán efectuarse diversas convocatorias que se rexerán por elas.
2. Asemade, esta orde ten por obxecto proceder á primeira convocatoria do procedemento TR310A, co obxecto de financiar accións formativas que se executen no período comprendido entre o 1 de agosto do 2019 e o 31 de outubro do 2020.
A finalidade deste programa de incentivos é mellorar a cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos da economía galega, contribuíndo a mellorar a competitividade das empresas que operan nestes sectores identificados como estratéxicos.

 Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas con centro de traballo en Galicia, calquera que for a forma xurídica que adopten, excepto as persoas traballadoras por conta propia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.
Tamén poderán ser entidades beneficiarias as agrupacións de empresas, que deberán estar constituídas, como mínimo, por 2 empresas con necesidades formativas similares, de tal modo que así se poida alcanzar o número mínimo de alumnado participante que se establece nestas bases. O tamaño máximo da agrupación será de 10 empresas.

Prazo de presentación das solicitudes
O prazo para achegar solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
A presentación de solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, nos enderezos https://sede.xunta.gal ou https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes.

viernes, 27 de septiembre de 2019

AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítima de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social (código do procedemento TR352A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, na data de publicación da presente convocatoria, estean inscritas na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), cuxa actividade principal estea dirixida a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coas áreas de actuación recollidas no RUEPSS (comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade), sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As entidades deberán dispoñer dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia

jueves, 26 de septiembre de 2019

AXUDAS A CENTROS PRIVADOS CONCERTADOS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA A ATENCIÓN AO ALUMNADO CON NECESIDADES ESPECÍFICAS DE APOIO EDUCATIVO PARA O CURSO 2019/20

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERDIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL


Obxecto
As axudas teñen como obxecto atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nas correspondentes unidades concertadas, entendendo por este aquel alumnado que requira determinados apoios e atencións específicas derivadas de discapacidade motora, sensorial, intelectual ou trastornos xeneralizados do desenvolvemento e da conduta, naqueles aspectos que non estean xa cubertos polo concerto educativo, ao longo do curso escolar 2019/20.
As axudas poderán empregarse para os fins de contratación de persoal complementario, reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores de contía non superior ao 15 por cento da axuda, compra de material específico ordinario non inventariable e adquisición de material específico inventariable.

Beneficiarios
Os centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, agás os centros concertados específicos de educación especial e os centros ordinarios con unidades concertadas de educación especial.

Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia

lunes, 23 de septiembre de 2019

SUBVENCIÓNS DESTINADAS AO FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS


Obxecto
Proceder á segunda convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2019 das subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidadeslocais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral, segundo o disposto nas bases reguladoras para a concesión da dita subvención, aprobadas pola Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG nº 103, do 3 de xuño).

Persoas beneficiarias
Os requisitos necesarios para poder ser beneficiaria desta axuda son os establecidos no artigo 5 das bases reguladoras para a concesión da dita subvención, aprobadas pola Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado a ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

viernes, 20 de septiembre de 2019

SUBVENCIÓN A ENTIDADES ORGANIZADORAS DE CONGRESOS, SEMINARIOS, CONVENCIÓNS, INCENTIVOS OU CALQUERA EVENTO RELATIVO AO TURISMO DE REUNIÓNS EN GALICIA


Obxecto
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a regulación da concesión de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións que fomenten e promocionen a actividade congresual e que se desenvolvan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entidades beneficiarias
a) Universidades ou organismos públicos de investigación, a través dos seus centros, institutos, departamentos, seccións u outras unidades de investigación.
b) Sociedades científicas legalmente constituídas, colexios profesionais e outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, dotadas de personalidade xurídica propia.
c) Empresas ou sociedades privadas que promovan especificamente congresos, reunións, xornadas técnicas, eventos, presentacións, incentivos, etc.

 Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

AXUDAS DESTINADAS A PERSOAS TRABALLADORAS AFECTADAS POR PROCEDEMENTOS DE REGULACIÓN DE EMPREGO , DE SUSPENSIÓN DE CONTRATOS DE TRABALLO POR FORZA MAIOR EN GALICIA


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a convocatoria pública das axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (TR820D).
2. Así mesmo, xunto con esta orde, procédese á convocatoria das citadas axudas para o ano 2019.

Requisitos das persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas, nos termos recollidos na presente orde, as persoas traballadoras que reúnan os seguinte requisitos:
a) Que estean ou estivesen afectadas por un procedemento de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior durante o período subvencionable que se establece nesta orde. Considérase que a persoa traballadora está afectada cando teña ou tiver o seu contrato suspendido no período subvencionable, en polo menos unha xornada laboral completa. Poderanse beneficiar das axudas as persoas con contrato de traballo a tempo completo e a tempo parcial.
b) Que o procedemento de regulación de emprego afecte, dentro do período subvencionable, algún centro de traballo da empresa situado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que a causa de forza maior derive de acontecementos catastróficos, imprevisibles ou que, sendo previstos, fosen inevitables, como terremotos, maremotos, incendios, inundacións, pragas, explosións, tormentas de vento e mar, sempre que supoñan a destrución total ou parcial das instalacións do centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia, impedindo a continuidade total ou parcial da actividade empresarial.
d) Que a causa de forza maior for constatada por resolución da autoridade laboral competente.
e) Que os seus ingresos brutos mensuais, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias, non superen 2.000 euros ou a cantidade proporcional nos supostos de persoas traballadoras vinculadas á empresa por contrato de traballo a tempo parcial.
2. Non poderán ser beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da Orde do 13 de agosto de 2019 xunto coa convocatoria para cada exercicio 2019 e permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2019.

SUBVENCIÓN DESTINADA Á REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE INTERESE XERAL PARA FINS DE CARÁCTER SOCIAL


Obxecto
O establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia (código de procedemento BS623D).
O contido dos programas deberá axustarse ás liñas de actuación sinaladas a continuación, segundo a tipoloxía de cada programa:
a) Liña I: actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica.
b) Liña II: actuacións de inclusión social.
c) Liña III: actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio a persoas maiores ou con discapacidade.
d) Liña IV: proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou con discapacidade.
e) Liña V: actuacións destinadas á xuventude
f) Liña VI: actuacións destinadas ao voluntariado.

Entidades beneficiarias
Entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos, sen prexuízo de cumpriren os requisitos específicos establecidos no anexo I para cada liña subvencionada, se é o caso:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. A/s entidade/s solicitantes de programas das liñas I, II, III e IV deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. A/s entidade/s solicitantes de programas da liña V deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Xuvenís da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. A/s entidade/s solicitantes de programas da liña VI deberán estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes establecido no artigo 7.3. En todo caso, a entidade deberá de estar debidamente inscrita no momento de pagamento da subvención.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución destas o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
d) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización e execución de programas sociais de similar natureza á dos programas para os que solicita a subvención.
e) As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico deberán solicitar as axudas a través destas.
f) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na mesma liña do anexo I a que concorre, e que se posúen os medios persoais e materiais necesarios para iso mediante declaración responsable do/a representante legal. No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña IV, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña III do anexo I.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado, coa excepción establecida no último parágrafo da alínea a).
Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os anteriores requisitos.
b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se aplicará a cada un deles.
c) Deberán nomear unha persoa en representación, con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.
Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.