Consellería de Política Social e Igualdade
miércoles, 7 de enero de 2026
AXUDAS DIRIXIDAS ÁS FILLAS E FILLOS MENORES DE 30 ANOS DAS VÍTIMAS MORTAIS POR VIOLENCIA DE XÉNERO, ASÍ COMO A MULLERES GRAVEMENTE FERIDAS COMO CONSECUENCIA DUNHA AGRESIÓN POR VIOLENCIA DE XÉNERO 2026
Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán a concesión de axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, de axudas de indemnización económica dirixidas a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, así como as axudas para os familiares ascendentes e descendentes en 1º ou 2º grao de consanguinidade das mulleres vítimas mortais por violencia de xénero e dos seus fillos e fillas falecidos, destinadas a sufragar os gastos de traslado, repatriación, funeral, inhumación e/ou incineración das mulleres vítimas mortais por violencia de xénero e, de ser o caso, dos fillos e fillas das vítimas falecidos como consecuencia da violencia de xénero.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista na letra a) do artigo 2, en réxime de igualdade, cada un dos fillos e fillas da vítima mortal da violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, sempre que na data do falecemento da súa nai cumprisen algún dos seguintes requisitos:
a) Ser menores de idade e estar empadroados en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia, independentemente da renda familiar.
b) Ser maiores de idade ata 30 anos inclusive, estar empadroados en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia, e depender economicamente da nai e/ou do pai agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando na data do falecemento da nai, as persoas beneficiarias non percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual non superasen o límite de 2 veces o indicador público de renda de efectos múltiples IPREM vixente, nos 12 meses anteriores.
2. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista na letra b) do artigo 2 as mulleres feridas gravemente, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión de violencia de xénero, sempre que na data en que se producisen os feitos se cumprisen os seguintes requisitos:
a) Ser muller, maior de idade ou emancipada.
b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
c) Atoparse nunha situación de precariedade económica. Entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a solicitante divididos polo número de membros que a compoñen non supere o límite do importe de 2 veces o IPREM vixente, durante os 12 meses anteriores.
3. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista na letra c) do artigo 2 desta orde os familiares ascendentes e descendentes en 1º ou 2º grao de consanguinidade das mulleres vítimas mortais da violencia de xénero e, de ser o caso, dos fillos e fillas da muller vítima falecidos como consecuencia da violencia de xénero, sempre que non tivesen participación no suceso causante.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de decembro de 2026.
As axudas de indemnización económica dirixidas a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero poderán solicitarse no prazo dun ano desde a curación ou a determinación do alcance das secuelas.
LEI 6/2025 DE PROTECCIÓN DA SAÚDE DAS PERSOAS MENORES E PREVENCIÓN DAS CONDUTAS ADICTIVAS
PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA
AXUDAS Á INSTALACIÓN DE VALADOS FIXOS, COMO MEDIDA DE PREVENCIÓN DOS DANOS QUE POIDA OCASIONAR O LOBO 2026
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
ObxectoEstablecer as bases reguladoras para a concesión de axudas a favor das persoas titulares de explotacións gandeiras afectadas polos ataques do lobo, coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentiva a adquisición de elementos preventivos (valados fixos) dos danos que poida ocasionar esta especie, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (procedemento MT809F).
Persoas beneficiarias
Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
AXUDAS PARA O CONTROL DO RENDEMENTO LEITEIRO 2026
Consellería do Medio Rural
Obxecto
Esta orde ten por obxecto desenvolver, en réxime de concorrencia competitiva, as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural, destinadas ás entidades oficialmente recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia para o control do rendemento leiteiro, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.
Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser beneficiarias das axudas descritas nesta orde as entidades oficialmente recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia como terceiros para a realización do control leiteiro oficial ao amparo do Real decreto 663/2023, do 18 de xullo, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser unha entidade de control leiteiro segundo o establecido no artigo 2.d) ou ser unha asociación ou organización das definidas no artigo 2.a) e que realice actividades incluídas na definición de control do rendemento leiteiro do artigo 2.b) desta orde.
b) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2, 13.3 e 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Ter a condición de peme de acordo co establecido no artigo 2.52 e anexo I do Regulamento (UE) número 2022/2472, da Comisión, do 14 de decembro.
d) Non ter a consideración de empresa en crise, de acordo co artigo 2.59 do Regulamento (UE) número 2022/2472, da Comisión, do 14 de decembro.
e) Non estar suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
f) Empregar unha base de datos única e común para toda Galicia, onde se integrará, procesará e analizará toda a información cuantitativa e cualitativa procedente dos controis realizados.
2. As persoas beneficiarias últimas das actuacións financiadas con esta axuda son as persoas gandeiras que participan no control oficial do rendemento leiteiro, que reciben a axuda baixo a forma de servizos subvencionados prestados por terceiros, e nunca como pagamentos directos en efectivo ás persoas produtoras, de acordo co previsto no artigo 27.2.b) do Regulamento (UE) nº 2022/2472, da Comisión, do 14 de decembro, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
3. Así mesmo, os requisitos previstos nas letras b), c) d) e e) do punto 1 tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.
Solicitudes e prazo de presentación
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
AXUDAS PARA O FOMENTO DAS RAZAS AUTÓCTONAS GALEGAS 2026
Consellería do Medio Rural
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento das razas autóctonas galegas, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.
Entidades beneficiarias
Poderanse acoller ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:
a) Estar oficialmente recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos, no marco do Programa de cría da raza ou razas autóctonas españolas, pola Comunidade Autónoma galega.
b) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2, 13.3 e 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e, de ser o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Cumprir co establecido no Regulamento (UE) 2016/1012, do Parlamento Europeo e do Consello, do 8 de xuño, relativo ás condicións zootécnicas e xenealóxicas para a cría, o comercio e a entrada na Unión de animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, e polo que se modifican o Regulamento (UE) nº 652/2014 e as directivas 89/608/CEE e 90/425/CEE, do Consello, e se derrogan determinados actos no ámbito da cría animal (Regulamento sobre cría animal), e no Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, polo que se establecen as normas zootécnicas aplicables aos animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, se actualiza o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras e se modifica o Real decreto 558/2001, do 25 de maio; o Real decreto 1316/1992, do 30 de outubro; o Real decreto 1438/1992, do 27 de novembro; e o Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro.
d) Ter a condición de peme de acordo co establecido no artigo 2.52 e no anexo I do Regulamento (UE) nº 2022/2472, da Comisión, do 14 de decembro. Esta definición inclúese no anexo II da orde.
e) Non ter a consideración de empresa en crise, de acordo co artigo 2.59 do Regulamento (UE) número 2022/2472, da Comisión, do 24 de decembro.
f) Non estar suxeitos a unha orde de recuperación pendente logo dunha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
Segundo establece o artigo 10 do Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, as asociacións de criadores de animais de razas gandeiras poderán constituír federacións, confederacións ou agrupacións que integren varias asociacións que existan recoñecidas oficialmente para diferentes ou as mesmas razas, designándoas xenericamente como asociacións de segundo grao, para os efectos de interlocución e representatividade ante as administracións públicas e para establecer os mecanismos que faciliten a homoxénea xestión de tales razas para o seu fomento, conservación e mellora.
Así mesmo, os requisitos previstos nas letras b), d), e) e f) tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.
Solicitudes e prazo de presentación
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
AXUDAS DE MOBILIDADE COMPLEMENTARIAS ÁS ACHEGADAS POLA UNIÓN EUROPEA PARA ALUMNADO QUE PARTICIPA EN ERASMUS + CURSO 2025/26
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Obxecto
Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+.
Persoas beneficiarias
O alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participa en Erasmus Estudos no curso 2025/26 en países que teñen a condición de países do programa no programa comunitario Erasmus+.
Orzamento e contía das bolsas
O importe global previsto na orde é de 1.885.295,00 €.
As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países que teñen a condición de países do programa no programa Erasmus+:
a) De 195 euros/mes para un país de destino do grupo 1.
b) De 165 euros/mes para un país de destino do grupo 2.
c) De 125 euros/mes para un país de destino do grupo 3.
Prazo de presentación de solicitudes
Será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.