miércoles, 7 de mayo de 2025

CONVOCATORIA DE PROBAS PARA A OBTENCIÓN DO CERTIFICADO DE COMPETENCIAS DIXITAIS (ComDix)

 Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2025 pola que se anuncia a convocatoria das probas de avaliación de carácter libre para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix), no seu nivel Iniciación.


RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2025 pola que se anuncia a convocatoria das probas de avaliación de carácter libre para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix) no seu nivel Intermedio.

Datas e realización das probas
1. As probas desenvolveranse os días 18, 19 e 20 de xuño de 2025.
2. Terán lugar segundo o calendario que figura no anexo II, onde se relacionan os lugares con aulas CeMIT dispoñibles, as prazas convocadas por cada localidade, as datas e os horarios de realización.

Solicitudes de participación e prazo de inscrición
1. As persoas que desexen participar nas probas de certificación deberán ser maiores de 16 anos e inscribirse na páxina web da rede CeMIT https://cemit.xunta.gal antes da finalización do prazo de inscrición.
2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da Rede CeMIT no enderezo electrónico https://aulascemit.xunta.es/usuarios, para o que é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
3. Os datos persoais cos que a persoa se inscriba na páxina web da Rede CeMIT serán os que se tomen de referencia para emitir as certificacións e durante todo o proceso de selección. A Amtega non se fai responsable da emisión de certificacións con datos incorrectos por erros na inscrición ás probas.
4. O prazo para a inscrición será de sete (7) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
5. Soamente se poderá presentar unha solicitude de inscrición por persoa participante, e serán excluídas automaticamente aquelas persoas que figuren inscritas en máis dunha localidade ou horario.
6. Unha vez que finalice o prazo de inscrición e aplicados os criterios de selección que se recollen na base cuarta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas en cada unha das localidades na páxina web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), así como a listaxe de reservas e de excluídas.

CORRECCIÓN DE ERROS.-AXUDAS EXTRAORDINARIAS A PERSOAS INMIGRANTES GALEGAS RETORNADAS 2025

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 16 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR905A).

PROGRAMA INICIATIVA XOVE 2025

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 21 de abril de 2025 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio de 2025 (código de procedemento BS306B).

Obxecto
O establecemento das bases reguladoras e a convocatoria das axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove. As axudas destínanse á posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas como proxectos liderados polas persoas novas da Comunidade Autónoma de Galicia que se desenvolvan durante o ano 2025 e nos cales estas sexan as verdadeiras protagonistas, a través da participación activa na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.

Entidades beneficiarias
1. Grupos informais de entre 5 e 8 persoas mozas, debidamente identificadas, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, e empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, de ser o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación. Deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Outros datos
O período subvencionable abrangue desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2025.
Coa presentación da solicitude achegarase o proxecto de iniciativas xuvenís seguindo o modelo publicado na convocatoria.
Todas as entidades e os grupos aos cales se lles conceda a axuda e o soliciten recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida.
A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva. Requírese unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

lunes, 5 de mayo de 2025

AXUDAS DO PROGRAMA GALICIA INVESTIGA IGUALDADE

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 30 de abril de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Galicia Investiga Igualdade para o apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (código de procedemento SI455A).

Obxecto
O obxecto desta convocatoria é outorgarlles axudas ás universidades públicas do SUG que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación nos seus centros como doutoras e doutores en calquera das áreas de coñecemento e que leven a cabo proxectos de investigación en materia de igualdade e xénero, e segundo as áreas temáticas relacionadas no anexo I da Orde de convocatoria.

Entidades beneficiarias
As universidades públicas do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG) que asinen coas persoas seleccionadas neste programa un contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal estas persoas quedarán vinculadas á universidade onde desenvolvan a súa actividade e ambas as partes asumirán as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

viernes, 2 de mayo de 2025

MODIFICACIÓN.- PROGRAMA DE AVAIS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDA 2025

 Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2025 pola que se modifica a Resolución do 17 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de avais para a adquisición de vivenda, se dá publicidade ao convenio que asinarán entre este instituto e as entidades financeiras para a súa concesión e se procede á convocatoria do programa para o ano 2025 (código de procedemento VI402B).

CORRECCIÓN DE ERROS.- PROGRAMA DE AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DE VIVENDA ACCESIBLE DE GALICIA 2025

 Instituto Galego da Vivenda e Solo

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 22 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a promoción de vivenda accesible na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2025 (código de procedemento VI435D).

Advertido erro na citada resolución, na versión en castelán, publicada no Diario Oficial de Galicia número 81, do 29 de abril de 2025.
Faise a corrección na versión do DOG neste idioma. Tal corrección non procede no texto en galego.

AMPLIACIÓN DE CRÉDITO DISPOÑIBLE DAS SUBVENCIÓNS A PROXECTOS DE INVESTIMENTO EN ACTIVIDADES EMPRESARIAIS NON AGRÍCOLAS 2025

 Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2025 pola que se amplía o crédito dispoñible establecido na Resolución de 26 de decembro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións a proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas, e se anuncia a convocatoria para o ano 2025, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR708A).