miércoles, 3 de mayo de 2023

CORRECCIÓN DE ERROS.- SUBVENCIÓNS PARA PROMOVER O AUTOEMPREGO E A ACTIVIDADE EMPRENDEDORA DAS PERSOAS EMIGRANTES GALEGAS RETORNADAS

 PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 22 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR937A).

(E-MARTES) SOBRE O REXISTRO ELECTRÓNICO NA XUNTA DE GALICIA

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2023 pola que se convoca, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre o Rexistro Electrónico na Xunta de Galicia.

Obxectivos
O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, á autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.
Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

Persoas destinatarias
As persoas destinatarias desta actividade son:
• O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
• A cidadanía: profesionais e persoas interesadas na materia impartida.

Desenvolvemento
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Data: o martes 9 de maio de 2023.
Horario: de mañá e tarde.
Duración: 7 horas lectivas.
Quinta. Número de prazas
Corenta e cinco (45).

Inscrición
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava, respectivamente. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional, ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «nome do curso» a xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre o Rexistro Electrónico na Xunta de Galicia.
5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 4 de maio de 2023.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Contidos
A xornada de formación práctica dixital (E-martes) que se desenvolverá o día 9 de maio de 2023 abordará os seguintes contidos:
Parte teórica e común para os dous grupos de persoas destinatarias:
– De rexistro a rexistro electrónico: pezas clave para a Administración electrónica.
Parte práctica para o grupo do persoal empregado público:
– Chave365.
– Sede electrónica da Xunta de Galicia.
– Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro:
• Intranet (espazo dixital de referencia para o persoal da Administración autonómica).
• Aires (aplicación informática de rexistro de entradas e saídas).
• Rexel (recepción electrónica do Sistema único de rexistro).
• SIR (Sistema de interconexión de rexistros).
• Notificación por comparecencia espontánea.
• Expedición de copias electrónicas auténticas.
Parte práctica para o grupo de cidadanía:
– Chave365.
– Sede electrónica da Xunta de Galicia.
– Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro:
• eServizos.
• Servizos nas oficinas.
◦ Notificación por comparecencia espontánea.
◦ Expedición de copias electrónicas auténticas.
• Sistema de interconexión de rexistros (SIR).
Os dous grupos de persoas destinatarias participarán de xeito conxunto na parte teórica da formación, que na súa parte práctica se adaptará aos requirimentos específicos de cada grupo de persoas destinatarias.

REDISTRIBUCIÓN DE CRÉDITOS ORZAMENTARIOS DAS AXUDAS DO PROGRAMA INVESTIGO 2023

CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se realiza unha redistribución entre créditos orzamentarios para a concesión das axudas previstas Programa Investigo, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco de Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e se convocan para o exercicio 2023 (código de procedemento TR349V). 

INSTRUCCIÓNS PARA O ACCESO E A ADMISIÓN DO ALUMNADO ÁS ENSINANZAS ARTÍSTICAS PROFESIONAIS DE ARTES PLÁSTICAS E DESEÑO PARA O CURSO 2023/24

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas artísticas profesionais de Artes Plásticas e Deseño para o curso 2023/24.

ÉPOCAS HÁBILES DE CAZA, AS MEDIDAS E CONTROL POR DANOS E OS RÉXIMES ESPECIAIS POR ESPECIES DURANTE A TEMPADA 2023/24

 CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2023/24.

SUBVENCIÓNS PARA A EXECUCIÓN DE PROXECTOS DE COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO NO EXTERIOR

 VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

ORDE do 19 de abril de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR803D).

Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (código de procedemento PR803D).
Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, ben individualmente o mediante unha agrupación de entidades (código de procedemento PR803D):
– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.
– As universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos.
– As cooperativas, empresas e asociacións empresariais.
– As organizacións sindicais.
– Comunidades galegas no exterior.
– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
Non se considerará agrupación de entidades aquela que estea formada por unha asociación ou federación a que pertenza a dita entidade, ou aquela en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

DATAS DAS PROBAS PARA A OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA NIVEIS CELGA 1,2,3 E 4

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se fixan as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2023, que foron convocadas mediante a Resolución do 28 de febreiro de 2023 (código de procedemento PL500C).

RESOLVO:
Fixar as seguintes datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), convocadas mediante a Resolución do 28 de febreiro de 2023:
– Celga 4, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:
13 de maio de 2023, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F e G.
14 de maio de 2023, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U.

– Celga 3, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

20 de maio de 2023, para todas as persoas admitidas.

– Celga 2, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

21 de maio de 2023, para todas as persoas admitidas.

– Celga 1, en Santiago de Compostela:
3 de xuño de 2023, para todas as persoas admitidas.

Os centros de realización das probas serán:
– En Santiago de Compostela: o IES Antonio Fraguas Fraguas (Celga 4, Celga 3 e Celga 2) e a Escola Galega de Administración Pública (Celga 1).
– En Ponferrada: a Escola Oficial de Idiomas desta localidade (Celga 4, Celga 3 e Celga 2).
As probas comezarán ás 9.00 horas, polo que as persoas admitidas deberán presentarse no centro que lles corresponda con antelación suficiente. Na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias) tamén se poderá consultar esta información, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade. Así mesmo, na web publicarase, na semana das probas correspondentes, a porta de acceso ao centro e mais a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita. No caso daquelas persoas ás cales, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e mais a aula que se lles asigne.

Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta terá lugar o mesmo día que a proba escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar esta proba publicarase no centro correspondente, así como na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha vez que remate a proba escrita.