martes, 18 de febrero de 2014

SUBVENCIÓN PARA PROGRAMAS DE APOIO INFRAESTRUTURAL E ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTOS ÁS COMUNIDADES GALEGAS NO EXTERIOR

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas:
– Programa A. Axudas para a ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións e/ou do seu patrimonio cultural.
– Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2014.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que, de acordo coa tipoloxía establecida no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, teñan recoñecida a categoría de comunidades galegas ou de centros colaboradores da galeguidade.
2. Igualmente, e de conformidade co establecido nas disposicións transitorias terceira e cuarta da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, tamén poderán ser beneficiarias as comunidades galegas e os centros colaboradores recoñecidos pola normativa anterior á devandita lei.
3. Non poderán concorrer ás subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas que teñan adoptado o acordo de iniciar un proceso de unión ou fusión mentres que o devandito proceso non estea rematado.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

jueves, 13 de febrero de 2014

AXUDAS A EMPRESAS QUE REALICEN PUBLICACIÓNS PERIÓDICAS ESCRITAS ÍNTEGRAMENTE EN GALEGO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto e réxime das subvencións
1. De acordo co artigo 2 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado, estas axudas económicas teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura nas tarefas de información xornalística.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
Beneficiarios e solicitudes
1. Os beneficiarios destas axudas serán as empresas xornalísticas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego, radicadas en Galicia e inscritas no Rexistro Mercantil, as cales fosen difundidas durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
2. Quedan excluídas da concesión de axudas:
a) Os boletíns de información interior ou de institucións.
b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.
c) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.
d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.
e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativizado, segundo informe da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que se incorporará á acta da comisión de avaliación, de acordo co establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega (DOG do 20 de abril de 1983), e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e as que incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da dita lei en materia de toponimia.
f) Aquelas publicacións que non se editasen durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria ou non manteñan a súa actividade no momento da solicitude da subvención.
Prazo de solicitude: ata o 13 de marzo de 2013.

martes, 11 de febrero de 2014

CONVOCATORIA TITULO DE BACHAREL PARA MAIORES DE 20 ANOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA



Convocar a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ano 2014, nas modalidades de Ciencias e tecnoloxía e Humanidades e ciencias sociais, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

 Condicións das persoas aspirantes.
1. Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2014.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2013/14.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.
2. Os aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.
Poderanse matricular tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias comúns, os aspirantes que teñan superadas as materias de modalidade de calquera das dúas vías da modalidade de Artes.
Forma de presentación, lugar de presentación e prazo.
1. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel, de acordo co modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, nos centros sinalados no número 3 desta epígrafe ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
2. As solicitudes irán dirixidas ao director ou directora do centro onde se presenten ou onde se dirixan esas solicitudes.
3. Os centros onde se pode presentar as solicitudes son os seguintes:
a) Centro EPA Eduardo Pondal, rúa Pepín Rivero 3, 15003 A Coruña.
b) IES San Clemente, rúa San Clemente, 15705 Santiago de Compostela.
c) Centro EPA Albeiros, Parque da Milagrosa s/n, 27003 Lugo.
d) Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomaior 4, 32002 Ourense.
e) Centro EPA Río Lérez, avenida de Bos Aires 26, 36002 Pontevedra.
f) Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra 8-1º, 36202 Vigo.
4. O prazo de presentación das solicitudes será entre o 17 e o 28 de febreiro de 2014.

viernes, 7 de febrero de 2014

PROBAS PARA A OBTENCIÓN DE GRADUADO EN EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA PARA MAIORES DE 18 ANOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto: Convocar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2014, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:
Condicións das persoas aspirantes
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
3. Non estaren inscritas para a superación das materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria establecidas no artigo 7, número 5 da Orde do 21 de decembro de 2007 (DOG do 7 de xaneiro de 2008).
4. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2013/14 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria ou no segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial.
5. O alumnado matriculado durante o curso 2013/14 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
5.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
5.2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.
Prazos de presentación de solicitudes:
Os prazos de matrícula serán:
– Convocatoria de maio: 24 de marzo ao 4 de abril de 2014, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: 1 ao 10 de xullo de 2014, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.

PROBAS PARA A OBTENCIÓN DE DETERMINADOS CARNÉS PROFESIONAIS E HABILITACIÓNS PROFESIONAIS NO ANO 2014

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de xaneiro de 2014 pola que se convocan probas para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais no ano 2014.

Obxecto: O obxecto desta orde é establecer o procedemento que seguirá a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a realización dos exames encamiñados á obtención dos carnés profesionais e das habilitacións profesionais para o ano 2014 nas seguintes especialidades:
– Operador/ora industrial de caldeiras.
– Carné profesional en instalacións térmicas de edificios.
– Instalador/ora de gas, categoría A.
– Instalador/ora de gas, categoría B.
– Instalador/ora de gas, categoría C.
– Instalador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.
– Instalador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.
– Reparador/ora de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.
– Carné profesional de operador/ora de guindastre torre.
– Carné profesional de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.
– Carné profesional de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.
– Manipulador/ora de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.
– Manipulador/ora de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.
– Manipulador/ora de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.
Requisitos das persoas aspirantes: Para seren admitidas á realización das probas, as persoas aspirantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estaren en idade legal laboral ou teren cumprida a idade mínima que, de ser o caso, poida exixir a normativa sectorial correspondente.
b) Requisitos específicos que para cada especialidade se establezan na normativa vixente.
Prazo de presentación de solicitudes:
1. Para a convocatoria ordinaria, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 10 ao día 21 de febreiro de 2014, ambos os dous incluídos.
2. Para a convocatoria extraordinaria, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 1 ao día 12 de xullo de 2014, ambos os dous incluídos.

martes, 4 de febrero de 2014

SUBVENCIÓN PARA A APERTURA DE NOVOS ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA



Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a apertura de novos establecementos comerciais.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28 de decembro).
3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
En concreto, considéranse actuacións subvencionables sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de novembro de 2013 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18 a adquisición de:
1) Acondicionamento do local comercial, sempre que a superficie resultante non supere os 150 m². Non será de aplicación esta limitación de superficie para as actividades encadradas baixo a epígrafe do IAE 653.1. Esta actuación será subvencionable na superficie comercial dedicada á venda.
Para estas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 12.000,00 euros, IVE excluído, e a porcentaxe de subvención do 50 %.
2) Medidas orientadas á mellora da imaxe exterior e adquisición de moblaxe e equipamento dedicado ao desenvolvemento da actividade comercial e para uso exclusivo na superficie de venda. Quedan excluídos neste punto, os equipamentos informáticos, impresoras, televisións, monitores, sistemas de alarma ou similares.
Para estas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 6.000,00 euros, IVE excluído, e a porcentaxe de subvención do 50 %.
3) Investimentos en tecnoloxías da información e da comunicación: terminais de punto de venda (TPV integrado), paquetes de software de xestión comercial e páxinas web comerciais.
As páxinas web deberán dispor de navegación por menús e conter como mínimo páxinas de presentación da empresa, detalle da actividade comercial realizada, localización do establecemento comercial, contacto e información dos produtos que oferta.
Para estas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 2.000,00 euros, IVE excluído, e a porcentaxe de subvención do 50 %.
4. Non serán subvencionables os impostos recuperables ou repercutibles polo beneficiario.
5. En ningún caso os solicitantes poderán superar polo conxunto de subvencións a que concorran o límite máximo de investimento subvencionable de 20.000,00 €, IVE excluído.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os comerciantes retallistas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na dita comunidade autónoma.
b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE nº 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de dez (10) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.
c) Estar dado de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II. A data de alta no imposto de actividades económicas ten que estar comprendida entre o 1 de novembro de 2013 e o 30 de xuño de 2014, ambos incluídos, e considerarase para todos os efectos como data de inicio da actividade.
d) Que figure inscrito no Rexistro Galego de Comercio ou ter solicitada a inscrición con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 1 número 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación coas grandes empresas.
Prazo de solicitude: ata o 30 de xuño de 2014.