martes, 2 de julio de 2013

AXUDAS PARA FOMENTAR O ASOCIACIONISMO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

Obxecto:  A presente resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2013, de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas, a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
b) Liña 2: promoción de accións que presten atención á investigación e á recuperación da historia das mulleres, así como á xeración de referentes e xenealoxías de mulleres, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas dirixidos a calquera destas finalidades.
c) Liña 3: promoción de hábitos de vida saudables, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas destinados a esta finalidade.
d) Liña 4: promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como de atención (protección, asistencia e/ou acompañamento) a mulleres que a sofren, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas dirixidos a calquera destas finalidades.
Prazo de solicitude: ata o 2 de agosto de 2013

SUBVENCIÓN DE CREACIÓN AUDIOVISUAL

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto: Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos presentados por creadores individuais:
Modalidade A: escrita individual de guión. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias, para longametraxes de ficción, documentais ou películas para TV. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros, á cal serán de aplicación as retencións impositivas legalmente previstas.
Modalidade B: curtametraxes. Subvencións para a produción de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega –ficción, animación ou documental–cunha duración inferior a 30 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros, á cal serán de aplicación as retencións impositivas legalmente previstas.
Beneficiarios: Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea.
Prazo de solicitude: ata o 1 de agosto de 2013.

SUBVENCIÓN PARA A RENOVACIÓN DE CUBERTAS DE LOUSA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

Obxecto: As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto fomentar a renovación de cubertas con lousa para acadar melloras significativas na demanda enerxética dos edificios cos conseguintes aforros en termos económicos.
O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Beneficiarios: Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os particulares ou as comunidades de propietarios, sempre que a actuación subvencionable descrita no artigo 2 se realice en vivendas ou edificios de vivenda colectiva e nas súas edificacións anexas da súa titularidade, sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 31 de xullo.

SUBVENCIÓNS A FAMILIAS PARA A ADQUISICIÓN DE EQUIMPAMENTOS DE TELEVISIÓN DIXITAL TERRESTRE

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

Obxecto: Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2013, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións dirixidas a familias para a adquisición de equipamentos de televisión dixital terrestre mediante recepción satelital en vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia, de acordo coas súas bases reguladoras aprobadas mediante a Resolución do 21 de xaneiro de 2013, da Secretaría Xeral de Medios (DOG nº 19, do 28 de xaneiro).
Destinatarios das subvencións: Os destinatarios das subvencións serán as familias titulares de vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia, de acordo co recollido no artigo 4 do anexo II das bases reguladoras das ditas axudas, aprobadas mediante Resolución do 21 de xaneiro de 2013.
Así mesmo, e segundo o sinalado no punto 2 da disposición adicional sétima da Lei 7/2009, do 3 de xullo, de medidas urxentes en materia de telecomunicacións, o servizo de televisión dixital terrestre está limitado aos cidadáns que residan en zona de sombra nas cales, unha vez concluída a transición á televisión dixital terrestre, non vaia existir cobertura do servizo de televisión dixital terrestre de ámbito estatal.
A comprobación da zona de sombra efectuarase polos mecanismos comúns á prestación deste servizo TDT-Sat e que están supervisados polos órganos competentes da Administración do Estado.
Prazo de solicitude: ata o 30 de setembro de 2013.

lunes, 1 de julio de 2013

EPOCA DE PERIGO ALTO DE INCENCIOS

AXUDAS Á AGRUPACIÓNS DE DEFENSA SANITARIA GANDEIRAS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR

Obxecto: A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das subvencións para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (no sucesivo ADSG) recoñecidas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, para a execución de programas de planificación sanitarios, en réxime de concorrencia competitiva e efectuar a convocatoria para os anos 2013 e 2014, de conformidade co establecido no Real decreto 784/2009.
Finalidade das axudas1. A finalidade destas axudas é a mellora do status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns e obrigatorios para a prevención e control de enfermidades dos animais.
2. Os programas de planificación zoosanitaria comezarán o 1 de marzo de 2013 e rematarán o 28 de febreiro de 2014, e deberán incluír, como mínimo, os programas sanitarios marco obrigatorios establecidos no anexo VI.
3. De conformidade coa normativa reguladora, as axudas que se establecen son compatibles co mercado común e están exentas da obriga de notificación.
Prazo de solicitude: ata o 27 de xullo de 2013.

SUBVENCIÓNS A ASOCIACIÓNS, FUNDACIÓNS E ENTIDADES CULTURAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

Obxecto: Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á mellora dos locais das asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro para o ano 2013, no que atinxe ao equipamento e mellora dos seus locais.
Poderán ser obxecto de subvención as actuacións que se encadren nas seguintes modalidades:
a) Fundacións con local en propiedade: acondicionamento e mellora dos seus locais e investimentos en equipamento e mobiliario.
b) Asociacións con local en propiedade: acondicionamento e mellora dos seus locais e investimentos en equipamento e mobiliario.
c) Entidades culturais que non teñen local en propiedade pero que teñen unha cesión de uso por un prazo mínimo de 10 anos: poderán acollerse unicamente ás axudas de investimento en equipamento e mobiliario.
Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro aqueles das citadas entidades, sitos en Galicia, que contribúan como sede destas entidades ao fomento da cultura en Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 27 de xullo de 2013.