Axencia Instituto Enerxético de Galicia
lunes, 2 de febrero de 2026
AXUDAS LEADER 2026
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
Obxecto
O obxecto é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), así como convocar as correspondentes ao ano 2026.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades públicas de carácter local ou comarcal, en concreto: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores; as persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo nesta categoría as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades, que cumpran os seguintes requisitos:
– Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.
– Non estar incursas en ningún dos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), e, en particular, non ter sido condenado mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.
– Cumprir os requisitos de pequena empresa, nos termos regulados no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co Mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais, así como para as entidades beneficiarias das axudas a proxectos non produtivos regulados no artigo 16 das bases reguladoras das axudas.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación no DOG do Acordo do Consello de Dirección, do 17 de decembro de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do PEPAC 2023-2027, así como convocar as correspondentes ao ano 2026.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai equivalencia ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Outros datos
As axudas concederanse en forma de subvención directa de capital non reembolsable, e calcularase sobre os custos subvencionables, tendo en conta a porcentaxe de axuda que resulte da aplicación ao proxecto dos criterios de selección establecidos por cada grupo de desenvolvemento rural. A contía máxima da axuda será de 200.000,00 euros por proxecto.
SUBVENCIÓNS A CLUBS DEPORTIVOS, SA DEPORTIVAS, SECCIÓNS DEPORTIVAS E NÚCLEOS DE ADESTRAMENTO DEPORTIVO ESPECIALIZADO DE GALICIA PARA O DESENVOLVEMENTO DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS 2026
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en réxime de concorrencia competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas (código de procedemento PR945C), así como efectuar a súa convocatoria para o ano 2026.
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas (liña I), así como os núcleos de adestramento deportivo especializados (liña II) xestionados por algunha das entidades anteriores, inscritos, en todos os casos, no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
No caso dos núcleos de adestramento deportivo especializados, deberán estar recoñecidos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Actuacións subvencionables e compatibilidade
1. Na liña de actuación I serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial en 2025.
2. Na liña de actuación II serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial e os gastos correntes do núcleo de adestramento deportivo especializado no período comprendido entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026.
3. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases poderán ser concorrentes con subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, incluídas as axudas ás sociedades anónimas suxeitas ao réxime de minimis, sen prexuízo da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a súa obtención. O importe total das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, ingresos ou recursos, supere o gasto realizado pola entidade beneficiaria. Esta circunstancia deberá ser acreditada pola entidade beneficiaria conforme o establecido no artigo 15 das bases.
4. As axudas desta orde son compatibles entre si, polo que unha mesma entidade poderá solicitar por ambas as liñas.
Prazo para presentar as solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.