miércoles, 27 de diciembre de 2023

PROCEDEMENTO DE COMUNICACIÓN DE CELEBRACIÓN DE BINGOS SOCIAIS (PR307C)

 VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se regula o procedemento de comunicación de celebración de bingos sociais (código de procedemento PR307C).

Obxecto
Regular o procedemento de comunicación de celebración de bingos sociais, que terá asignado o código de procedemento PR307C.
Publicar o modelo de comunicación do procedemento, que se recolle no anexo I desta resolución.

Prazo
O procedemento PR307C é un procedemento administrativo de prazo aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Requisitos
As persoas ou entidades comunicantes da celebración dun bingo social deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Organizadores:
– Residencias da terceira idade.
– Centros de día.
– Asociacións culturais ou deportivas legalmente inscritas.

b) Número de sesións: non poderá superarse o número de 4 sesións nun mes.

c) Cantidades xogadas: as cantidades xogadas, é dicir, a recadación pola venda de cartóns de bingo non poderá superar os 300 euros por sesión.

d) Premios: os premios outorgados non poderán superar os 300 euros por sesión. Poderán ser en metálico ou en especie.

e) Desenvolvemento do xogo: o xogo debe desenvolverse a través de medios manuais ou mecánicos sen que, en ningún caso, interveñan aplicacións informáticas ou programas de software.

f) Lugar de celebración:
– Residencia da terceira idade.
– Centro de día.
– Local que figure como domicilio social da correspondente asociación.

g) Menores: durante o desenvolvemento da sesión, en ningún caso poderán estar presentes na sala menores de idade.

Forma e lugar de presentación
As comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado recollido no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria
As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación a seguinte documentación:
– Declaración responsable de que no desenvolvemento do xogo non se lles permitirá o acceso ao local aos menores de idade.
– Declaración responsable de que no desenvolvemento do xogo non se utilizará ningún tipo de aplicación informática ou programa de software.
– Declaración responsable do cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 2.b).1º, 2º e 5º da Lei 3/2023, reguladora dos xogos de Galicia.
– Certificación acreditativa da inscrición da asociación no Rexistro autonómico de asociacións co carácter de cultural ou deportiva e do local que figura como domicilio da dita asociación.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da comunicación e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.