lunes, 28 de noviembre de 2022

SELECCIÓN DAS PERSOAS PARTICIPANTES NO PROGRAMA DA ACELERADORA CULTURAL DE PROXECTOS MUSICAIS PARA 2022

 AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2022 pola que se convoca, para o ano 2022, o procedemento para a selección, en réxime de concorrencia competitiva, das persoas participantes no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241 (código de procedemento CT402H).

Finalidade
Teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a selección, por parte da Agadic, das persoas físicas e/ou xurídicas para participar no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais, coa finalidade de incentivar e estimular a profesionalización empresarial do sector musical e impulsar a carreira de artistas emerxentes.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as persoas profesionais rexistradas no réxime especial de traballadores autónomos e as microempresas, así como as persoas físicas, maiores de idade, co compromiso de constituírse en empresas ou autónomos no momento de adquiriren a condición de beneficiario, sempre que, de ser o caso, cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter a condición de empresa de nova creación ou que, non sendo de nova creación, non transcorresen máis de cinco anos desde a data de inscrición no Rexistro Mercantil. Esta actividade empresarial debe desenvolverse de forma habitual e maioritariamente en Galicia.
b) Que conte cunha sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.
c) Estar dentro da definición de microempresa segundo o anexo I do Regulamento número 651/2014 da Comisión Europea.
d) Estar dada de alta nas epígrafes do IAE 032 (intérpretes de instrumentos musicais) ou 033 (actividades relacionadas coa música, cantantes) ou comprometerse a darse de alta nestas epígrafes ao constituírse como empresa.
e) Que estea ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberá cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiaria da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
2. De acordo co artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, en esta convocatoria poderán ser beneficiarias as empresas que non se atopaban en crise no momento da presentación da solicitude, circunstancia que será comprobada pola Agadic.
3. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.