martes, 29 de noviembre de 2022

PRIMAS DE MANTEMENTO DAS FORESTACIÓNS 2023

 CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 16 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023 para a concesión das primas de mantemento das forestacións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR670C).

Obxecto
Esta orde, en réxime de concorrencia non competitiva, ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023, para a concesión das primas de mantemento correspondentes ás superficies forestadas mediante as axudas para a creación de superficies forestais (medida 8.1 do PDR de Galicia 2014-2020, procedemento MR670C) dos anos 2023, 2024 e 2025.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios todos os titulares dos expedientes pagados antes do 31 de decembro de 2022 ao abeiro das ordes do 17 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2018 (DOG núm. 81, do 26 de abril), do 19 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2019 (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro), do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2020 (DOG núm. 232, do 5 de decembro), e do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2021 (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e que non fosen beneficiarios da convocatoria destas primas nos anos 2019 (DOG núm. 23, do 1 de febreiro), 2020 (DOG núm. 229, do 2 de decembro de 2019), 2021 (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro) e 2022 (DOG núm. 242, do 20 de decembro de 2021).
2. Os beneficiarios poderán presentar tantas solicitudes como expedientes de forestación teñan pagados ao abeiro das ordes sinaladas no punto anterior cumprindo co requisito de presentar unha solicitude por cada expediente.
3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Non poderán ser beneficiarias as entidades de dereito público nin as entidades locais.
5. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise, salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.