lunes, 5 de abril de 2021

AXUDAS PARA O LIBRO GALEGO 2021

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

ORDE do 16 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT221C).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, de acordo co establecido na presente orde. Código do procedemento CT221C.
A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.
2. Considéranse custos subvencionables os honorarios profesionais da persoa que realice a tradución.
3. A tradución da obra para a que se solicita a subvención deberase publicar despois da data da resolución de concesión desta convocatoria.
4. A subvención destinarase a sufragar, total o parcialmente, os custos de tradución da obra literaria mencionados no apartado anterior.
Cada empresa editorial poderá presentar solicitude para a tradución dun máximo de 20 obras.
5. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2021.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na presente orde.
2. En todo caso, estarán suxeitas ás limitacións que establece o punto seguinte deste artigo.
3. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.
2. A presentación electrónica será obrigatoria para as editoriais que sexan persoas xurídicas e para os seus representantes, así como para as editoriais persoas traballadoras autónomas, de acordo co establecido nos artigos 14.2.a) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10.1.a) da Lei da administración dixital de Galicia.
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, poderán presentar as súas solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Excepcionalmente no caso de editoriais estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a solicitude presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo, común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, htpps://sede.xunta.gal; tendo en conta que os solicitantes destas subvencións poden estar situados en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable a cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que impiden e imposibilitan a presentación electrónica de solicitudes, poderán presentar as solicitudes por calquera medio onde quede acreditada a presentación en prazo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.