miércoles, 21 de octubre de 2020

IX XORNADAS DE FORMACIÓN PRÁCTICA DIXITAL (E-MARTES)

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2020 pola que se convoca, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a IX Xornada de formación práctica dixital (E-martes).

1. Obxectivos.
O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, a autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.
Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

2. Contidos.
A IX Xornada de formación práctica dixital (E-martes), que terá lugar o martes 3 de novembro de 2020, abordará os seguintes contidos:
– Notificacións electrónicas. Sistema de notificacións electrónicas de Galicia: Notifica.gal.
– Identificación dixital (certificados dixitais e Chave).
– Sede electrónica.
Este contido adaptarase aos dous grupos de persoas a que vai dirixida a actividade e constará dunha introdución xurídica (común) e posterior práctica nas aulas de informática da escola.
3. Persoas destinatarias.
As persoas destinatarias desta actividade son:
– O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais. No caso das empregadas e empregados públicos, priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
– A cidadanía: profesionais e persoas interesadas no manexo das aplicacións descritas na súa relación coa Administración.

4. Desenvolvemento.
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Data: martes, 3 de novembro de 2020.
Horario: mañá e tarde.
Duración: 6 horas lectivas.

5. Número de prazas.
Persoal empregado público: 16.
Cidadanía: 13.
O número de prazas convocadas vén determinado pola capacidade das aulas adaptada ás medidas de seguridade e hixiene previstas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.

6.Inscrición.
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais, ou «outros», para a cidadanía).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. O prazo para a inscrición nesta actividade estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 28 de outubro de 2020.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39/981 54 62 41.