martes, 27 de octubre de 2020

DATAS, LUGAR E HORARIOS DE REALIZACIÓN DAS PROBAS PARA Á OBTENCIÓN E RENOVACIÓN DO CERTIFICADO DE CONSELLEIRO DE SEGURIDADE PARA O TRANSPORTE DE MERCADORÍAS PERIGOSAS POR ESTRADA E FERROCARRIL

 CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2020, do tribunal designado para cualificar as probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, pola que se determinan as datas, o lugar e os horarios de realización dos correspondentes exercicios.

Primeiro. As correspondentes probas terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid 2-4, As Fontiñas, Santiago de Compostela.

Os ditos exercicios realizaranse nas datas, horarios e aulas que a continuación se sinalan:

Segundo. Para os efectos de realizar os correspondentes chamamentos, os aspirantes deberán presentarse ás probas 30 minutos antes do comezo de cada exercicio.
Terceiro. As persoas interesadas serán convocadas para cada exercicio en chamamento único, e resultará excluído da súa realización quen non compareza.
Non poderán acceder ao exame aquelas persoas con síntomas compatibles coa COVID-19, aquelas ás que se lles diagnosticase a enfermidade e que non rematasen o período de illamento, ou as que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter tido contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada de COVID-19.
Non obstante, anúnciase que aqueles que acrediten atoparse, na data de realización do exame, nalgunha das circunstancias anteriores, poderán solicitar a repetición do exame noutra data.
Dada a situación sanitaria en que nos atopamos e co fin de respectar as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, non se poderá acceder ao edificio da EGAP ata que un membro do tribunal non comece o chamamento; así mesmo, solicítase que, para evitar aglomeracións, só se presenten a cada hora os aspirantes que vaian realizar a proba correspondente a ese horario.
Cuarto. Os/as aspirantes excluídos/as por non comparecer no momento do chamamento non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.
Quinto. Os/as aspirantes terán que se presentar ás probas provistos do orixinal do seu documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. En caso contrario, non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen os exercicios. Tales aspirantes excluídos non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.
Sexto. Os/as interesados/as deberán levar bolígrafo e, para a realización do suposto práctico, poderán ir provistos do ADR ou RID e de máquina calculadora sen memoria RAM.
Sétimo. Será obrigatorio o uso de máscara facial que cubra nariz e boca en todo momento, tanto no exterior como no interior do edificio da Escola Galega da Administración Pública (EGAP).
Evitaranse as aglomeracións tanto fóra como dentro do edificio, realizando o acceso de forma ordenada e gardando a distancia de seguridade.
Na espera, acceso e permanencia no interior do edificio, en todo momento, atenderanse as instrucións do persoal, e deberase:
• Prestar atención e cumprir a información ofrecida polos membros do tribunal ou persoal de vixilancia.
• Prestar atención e respectar a distancia de seguridade, localización, espera de quenda...
• Aplicación de solución hidroalcohólica nas mans ao entrar na aula onde se realice o exame.
Recoméndase consultar, antes do día do exame, a páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade-Dirección Xeral de Mobilidade-Formación, https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/, onde estarán expostas e actualizadas as medidas preventivas de seguridade que deberán ser adoptadas no desenvolvemento das probas no contexto creado pola COVID-19.