martes, 25 de agosto de 2020

SUBVENCIÓNS Á REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE INTERESE XERAL PARA FINS DE CARÁCTER SOCIAL DIRIXIDOS Á PROMOCIÓN DA IGUALDADE ENTRE MULLERES E HOMES E DE PREVENCIÓN E LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, para o ano 2020 (código de procedemento SI452A).


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas para o ano 2020 destinadas á realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionada pola Secretaría Xeral da Igualdade.
As subvencións destinaranse a programas que fomenten a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, para lograr a eliminación de estereotipos de xénero que conducen a que as mulleres padezan unha situación de desvantaxe no eido laboral, social, persoal, económico, político e cultural. Así mesmo, subvencionaranse determinados programas que teñan por obxecto a prevención de todas as formas de violencia contra as mulleres, segundo o recollido na Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Serán obxecto de subvención os seguintes tipos de programas:
a) Acollemento, atención e asesoramento para mulleres en situación de vulnerabilidade.
b) Acollida e aloxamento que coadxuven na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e das súas fillas e fillos.
c) Programas de información e formación para o empoderamento e participación activa dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade e a mulleres do medio rural, que impulsen o emprendemento, o autoemprego, a formación e a mellora da súa capacitación de cara a mellorar a súa empregabilidade.
d) Programas de conciliación dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade que consistan en actividades de coidado e atención a menores de doce anos, persoas con discapacidade e/ou dependentes e persoas maiores.
e) Actuacións de información e de formación para o empoderamento e participación activa das mulleres, en especial as que sofren situacións de vulnerabilidade e/ou as que residen no medio rural.
f) Programas para o tratamento da saúde integral das mulleres e/ou sobre a sexualidade das mulleres.
g) Programas de apoio e tratamento integral dirixidos a grupos de mulleres vítimas da violencia de xénero especialmente vulnerables: mozas e adolescentes, mulleres con discapacidade, mulleres maiores, mulleres que residen no medio rural, mulleres inmigrantes, mulleres pertencentes a minorías étnicas, etc.
h) Programas de que coadxuven na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e das súas fillas e fillos.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. As entidades solicitantes deberán estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución, o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización dos programas e actuacións subvencionables de acordo co establecido no artigo 5.
Os fins e obxectivos das entidades solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre mulleres e homes, potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social e atender as mulleres en situación de vulnerabilidade. Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos seus estatutos ou desprenderse da súa actuación xeral.
f) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materiais necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
2. Dentro dos límites da lexislación autonómica, tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1 anterior.
b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención aplicable a cada un deles.
c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non se poderán disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.