martes, 11 de agosto de 2020

PROGRAMA PILOTO SÉNIOR DIXITAL

 CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

ORDE do 28 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 de axudas para a realización dun programa piloto de formación en formato non presencial de recualificación profesional dixital, dirixido a persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos, Programa piloto sénior dixital (código de procedemento TR303A).

Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2020, de subvencións a entidades de formación para a realización dun programa piloto de recualificación profesional dixital, a través da modalidade en liña, de persoas desempregadas paradas de longa duración maiores de 45 anos para a súa capacitación, tanto en competencias dixitais orientadas ao novo mercado laboral como en competencias brandas, co fin de mellorar a súa empregabilidade e a súa inserción laboral.
Consistirá, por tanto, na impartición de programas de formación, a través dunha plataforma de aprendizaxe interactiva, de 70 horas distribuídas ao longo de 3 semanas de formación sobre:
1. Competencias dixitais orientadas ao novo mercado laboral (ferramentas esenciais para desenvolverse con fluidez na era tecnolóxica. Isto é, coñecementos sobre dispositivos electrónicos, redes, seguridade cibernética, sistemas de comunicación, traballo na nube..., etc.).
2. Competencias brandas (motivación, boa comunicación, boa organización, traballo en equipo, puntualidade, pensamento crítico, sociable, ser creativo, habilidades interpersoais de comunicación, facilidade de adaptación, personalidade amigable, etc).

Entidades beneficiarias
Poden beneficiarse das subvencións recollidas nestas bases reguladoras as empresas cuxo obxecto social estea orientado á impartición de formación e teñan experiencia demostrable no ámbito da formación, e que na data de publicación desta convocatoria cumpran as seguintes condicións:
– Ter recollido no seu obxecto social as actividades de formación.
– Ter desenvolvido programas dirixidos especificamente á formación.
– Dispoñer ou por á disposición unha plataforma de aprendizaxe interactiva.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.