martes, 7 de enero de 2020

PROGRAMA EMPREGA DISCAPACIDADE E EXCLUSIÓN

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular as axudas que favorezan a contratación das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria e, especialmente, daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral.
A orde inclúe un programa con tres tipos de bonos compatibles:

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial, a temporal cunha duración mínima inicial de 3 meses e a transformación de contratos temporais en indefinidos a tempo completo ou a tempo parcial das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

b) Bono de formación, dirixido ás persoas traballadoras cunha contratación indefinida inicial ou temporal mínima de 6 meses, beneficiarias do bono de contratación, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

c) Bono de emprego con apoio, que consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais características.

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten persoas desempregadas por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes de axudas dos bonos de contratación e formación para as contratacións por conta allea subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2019 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

As solicitudes de axudas dos bonos de contratación e formación para as contratacións por conta allea subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola cal se solicita a subvención.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2020, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.