viernes, 19 de octubre de 2018

AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 9 de outubro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas para a promoción da autonomía persoal de persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Obxecto
Concesión de axudas para a promoción da autonomía persoal de persoas con discapacidade empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e de carácter non periódico (código de procedemento BS613B).
Unicamente poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2018.

Persoas beneficiarias
Persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, segundo o establecido no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade. Así mesmo, considerarase que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por cento os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez, e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a súa presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal co que serviu de partida, que é o da publicación no Diario Oficial de Galicia e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Outros datos
Será requisito indispensable para poder optar á axuda ao abeiro desta orde, que a entidade/profesional autónomo prestadora/or do servizo de promoción da autonomía persoal figure inscrita/o, con anterioridade ao prazo de finalización de presentación de solicitudes, no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), segundo se dispoña na normativa reguladora da autorización e acreditación destes servizos, cuxo responsable é a Consellería de Política Social. No caso de que a persoa reciba a prestación a través dunha entidade ou profesional localizada no resto de España, a persoa solicitante deberá acreditar a inscrición da entidade ou profesional prestador/a do servizo no rexistro de servizos sociais equivalente na dita comunidade autónoma.