miércoles, 6 de junio de 2018

XXI EDICION DO PREMIO MANUEL COLMEIRO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
O obxecto do premio é fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e os entes públicos instrumentais do sector público da comunidade autónoma (código do procedemento PR771A).

Entidades beneficiarias
Poderán participar nesta convocatoria persoas individuais ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea. Gardarase reserva sobre a identidade de cantas persoas participen no premio e unicamente serán obxecto de publicidade o nome e apelidos da persoa ou persoas gañadoras deste.

No suposto de que se trate de grupos de traballo, acreditarase expresamente a persoa física responsable da dirección do equipo, que será a persoa que figure como solicitante no modelo normalizado de solicitude, así como a porcentaxe de participación de cada integrante do grupo no traballo presentado.

Non poderán acceder a este premio as persoas que se atopen afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos comezará coa entrada en vigor desta orde e finalizará o 15 de outubro de 2018.

Outros datos
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e que figura como anexo I a esta orde.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude e/ou traballo de investigación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A solicitude deberá ser asinada electronicamente pola persoa solicitante ou representante ou por aquela que se responsabilice da dirección do grupo de traballo, se é o caso.

Co obxecto de garantir o anonimato, nos traballos de investigación presentados non figurará ningún dato persoal da persoa autora deles, senón unicamente o título na primeira páxina. Así mesmo, o dito traballo será presentado nun arquivo independente ao do resto da documentación. No mesmo sentido, a Dirección da EGAP facilitaralle ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e manterá custodiada a identidade da persoa ou persoas autoras ata que se resolva o procedemento.