viernes, 6 de octubre de 2017

LIÑAS DE APOIO AO ACCESO E ADECUACIÓN DO FINANCIAMENTO DAS EXPLOTACIÓNS PRODUTORAS DE UVA E CASTAÑA, PATACA, CEREAL, HORTA E FROITEIRAS AFECTADAS POLA SARAIBA E XEADA

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto regular o contido e procedemento de tramitación de dúas liñas de financiamento bonificado dirixido a explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas dos días 27 e 28 de abril do presente ano, a explotacións produtoras de pataca, cereal e horta afectadas pola sarabia do día 6 de xullo e a explotacións produtoras e transformadoras de uva, castañas e de froiteiras afectadas polas sarabias do día 27 de agosto, co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira.
Os apoios poderán materializarse a través de dúas liñas:
Liña 1: refinanciamento de pasivos.
Liña 2: apoio ao circulante.
Beneficiarias
Poderán acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases as pequenas e medianas empresas, incluídos os autónomos, segundo a definición establecida pola Comisión Europea, que desenvolvan a actividade económica de produción ou transformación de uva ou castañas e se viran afectadas polas xeadas ou sarabias, así como as produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas polas sarabias.
Tamén poderán acceder á condición de beneficiarias as comunidades de bens, sociedades civís ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda.
Neste caso, o préstamo deberá estar formalizado a nome da entidade e deberá ser asinado por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.
Ademais, deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 2 das bases reguladoras.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado nas entidades financeiras comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 20 de outubro de 2017. As entidades financeiras deberán solicitar as axudas financeiras no Igape, en nome do interesado, até o 15 de novembro de 2017, e concederanse de conformidade co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 31.4 da citada Lei de subvencións de Galicia.