viernes, 2 de septiembre de 2016

PROGRAMA IGNICIA

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2016 pola que se establecen as condicións xerais do Programa Ignicia proba de concepto e se procede á súa convocatoria.

 Convocatoria e condicións xerais
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as condicións xerais polas que se rexerá o Programa Ignicia proba de concepto, que ten como finalidade poñer en valor e apoiar o desenvolvemento das aplicacións comerciais da investigación xerada polos centros de coñecemento, de acordo co previsto no artigo 31 da Lei galega 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación.
Constitúese, polo tanto, cos seguintes obxectivos:
a) Facilitar a transferencia de resultados de investigación desde organismos de investigación ao mercado.
b) Acelerar e aumentar os éxitos nos procesos de transferencia tecnolóxica.
c) Contribuír á rendabilización económica e social do investimento público en investigación.
d) Internacionalizar a función de transferencia na tecnoloxía.
e) Detectar cedo proxectos con potencial innovador e de mercado.
2. Así mesmo, por medio desta resolución, procédese á súa convocatoria para o ano 2016 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento INXXX).
Solicitantes
Poderán ser promotores de proxectos e participar na presente convocatoria os organismos de investigación e difusión de coñecementos (públicos e/ou privados sen ánimo de lucro) con centros radicados en Galicia.
Considéranse organismos de investigación e difusión de coñecementos, segundo a definición do artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades, fundacións de investigación, centros tecnolóxicos ou de investigación...), independentemente da súa personalidade xurídica ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de xeito independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os seus resultados mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos; cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado.
O prazo de presentación de solicitudes será o seguinte:
a) Solicitudes de acceso ao Programa Ignicia proba de concepto (maduración+investimento):
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
b) Solicitudes de acceso exclusivamente á fase de investimento:
Só para aqueles proxectos que participasen con anterioridade noutros programas de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación ou similares, ou ben, aqueles proxectos que presenten un grao de evolución e de maduración que lles posibilite solicitar o acceso exclusivamente á fase de investimento, o prazo para a presentación das solicitudes a esta fase estará aberto ata o 10 de setembro de 2018.