jueves, 1 de septiembre de 2016

PLAN FOEXGA 2016-2017

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
1. Aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para o desenvolvemento e a execución do Plan de fomento das exportacións galegas (en diante, Plan Foexga), coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.
2. O obxectivo principal do Plan Foexga é conseguir a internacionalización real das pemes galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.
3. As actuacións que engloban o Plan Foexga están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación tanto sectorial coma xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.
Beneficiarias
As empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que sexan sociedades mercantís que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non seren consideradas empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión.
e) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no Regulamento (UE) núm. 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro), para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) núm. 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) e para as empresas do sector agrícola no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro).
f) Que estean ao día nos pagamentos debidos ás cámaras.
g) Que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará aos 5 días hábiles despois da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2016 agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.