jueves, 8 de noviembre de 2012

AUTORIZACION COMERCIAL AUTONOMICA


 Obxecto.- Este decreto ten por obxecto regular o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica, en desenvolvemento do disposto na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.
 Actividades suxeitas a autorización comercial autonómica1. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, o sometemento á autorización comercial autonómica da instalación de establecementos comerciais ten como finalidade garantir a axeitada integración territorial do establecemento comercial a través da súa planificación urbanística e da execución previa das infraestruturas e dotacións necesarias, a súa compatibilidade desde o punto de vista da protección do ambiente e a accesibilidade dos cidadáns a estes equipamentos en condicións adecuadas.
Atendendo á antedita finalidade, unicamente precisará autorización comercial autonómica a instalación, a ampliación e o traslado dos establecementos comerciais individuais ou colectivos que, destinándose ao comercio retallista de calquera clase de artigos, teñan unha incidencia ambiental, territorial, urbanística e no sistema viario que transcenda o termo municipal en que se localicen, pola súa magnitude, importancia e características.
2. Para estes efectos, enténdese que unicamente teñen incidencia supramunicipal e, polo tanto, están suxeitos á autorización comercial autonómica, a instalación e o traslado dos establecementos comerciais cuxa superficie útil de exposición e venda ao público sexa igual ou superior a 2.500 metros cadrados, polo impacto territorial, urbanístico, viario e ambiental xerado. Tamén será preceptiva a citada autorización no caso de ampliacións de establecementos comerciais cando a superficie que resulte tras a ampliación sexa igual ou superior a 2.500 metros cadrados.
3. Serán nulas de pleno dereito as licenzas municipais de edificación e uso do solo e mais de actividade outorgadas para a instalación, a ampliación ou o traslado de establecementos comerciais que, precisando de autorización comercial autonómica de acordo co establecido nesta lei, fosen outorgadas sen ela.