miércoles, 14 de septiembre de 2011

SUBVENCIÓNS A PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA


Obxecto: Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións ás actuacións e proxectos de aforro e eficiencia enerxética, tal e como se definen por sectores de actividade nas epígrafes do anexo I, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no seu articulado e anexos.
Beneficiarios: Poderán obter a condición de beneficiarios as persoas e entidades especificadas para cada unha das liñas de axudas no anexo I destas bases, que se referirán a todos ou parte dos seguintes supostos xerais:
a) As persoas físicas maiores de idade ou emancipadas que teñan plena capacidade de obrar.
b) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos.
c) As empresas que teñan contratada a xestión enerxética de inmobles e instalacións de titularidade pública ou privada, e que o obxecto dos correspondentes contratos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. O pagamento dos servizos que prestan as ditas empresas baséase na obtención de melloras de eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos. Contarase, en todo caso, co visto e prace do titular do inmoble ou instalación, por se dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.
d) Os distintos tipos de administracións públicas.
e) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica. Nestes casos, deberase facer constar expresamente tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Fundacións, asociacións, comunidades de bens ou calquera tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen ánimo de lucro, tales como comunidades de propietarios, comunidades hereditarias ou en xeral entidades de base patrimonial que, aínda carecendo de personalidade xurídica, conten cunha administración común para levar a cabo a actuación para a que solicitan a subvención.
Prazo de presentación de solicitudes: O prazo de presentación solicitudes ata o 15 de novembro de 2011.