martes, 20 de enero de 2026

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS GALEGAS 2026

 Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN417Y).

Obxecto
Concesión de subvencións para a realización de proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, que cumpran cos requisitos e coas condicións establecidos no articulado destas bases reguladoras.

Persoas beneficiarias
1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias destas subvencións:
a) As empresas legalmente constituídas e as persoas autónomas que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o oitavo (8º) día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas, e finalizará o 15 de setembro de 2026, ás 20.00 horas.
As solicitudes presentaranse na páxina web do Inega, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado.

CORRECCIÓN DE ERROS.- AXUDAS PARA O PROGRAMA NEXOS

 Axencia Galega de Innovación

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 8 de xaneiro de 2026 pola que se modifica a Resolución do 29 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Nexos para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos colaborativos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 Galicia 2021-2027, cofinanciadas pola Unión Europea nun 60 % no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN852A).

TERCEIRA CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA ACCIÓNS FORMATIVAS DO SISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL DOS GRAOS A, B, C E COMPETENCIAS CLAVE, PARA PERSOAS TRABALLADORAS OCUPADAS 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 23 de decembro de 2025 pola se procede á terceira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, para persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2026 (código de procedemento TR301X).

Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto proceder, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, á terceira convocatoria de subvencións para a realización de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, para persoas traballadoras ocupadas (código de procedemento TR301X).
2. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde de convocatoria terán como finalidade o financiamento das especialidades formativas relacionadas no anexo III, e estarán dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais con impacto no mercado laboral conducentes a unha formación formal total ou parcial incluída nun certificado profesional, ou a adquisición de competencias clave.
3. As bases reguladoras desta convocatoria están recollidas na Orde do 13 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2024-2026 e se efectúa a primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, co fin de financiar accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, destinadas a persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2024.

Entidades beneficiarias
1. Poderán solicitar e obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as empresas e as entidades sen ánimo de lucro que, con anterioridade á data de presentación da solicitude de subvención, estean acreditadas ou, de ser o caso, inscritas para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma as ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C e/ou as competencias clave para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.
2. As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente homologadas que permitan a impartición das actividades presenciais das accións formativas solicitadas.
As entidades que soliciten impartir a formación na modalidade virtual deberán contar con autorización previa para a impartición das mesmas ofertas na modalidade presencial.
Caso de contar coa autorización para impartir a oferta presencial, deberá garantirse que se dispón dos requisitos de espazos e recursos necesarios para a súa realización ou, de ser o caso, formalizar un convenio ou acordo público cun centro de formación profesional localizado na Comunidade Autónoma de Galicia que, estando acreditado con anterioridade á data de presentación da solicitude de subvención para impartir as referidas ofertas na modalidade presencial, garanta a presencialidade nos casos necesarios, incluídas, de ser o caso, as probas finais de cada módulo profesional. Estes centros non se poderán modificar durante o desenvolvemento da acción formativa.
3. Para poder seren beneficiarias da subvención, as entidades deberán contar co compromiso de participación do número mínimo de persoas traballadoras ocupadas que se determine na convocatoria para poder iniciar a acción formativa, así como do persoal docente encargado da súa impartición.

Persoas destinatarias da formación
As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras ocupadas.

Entrada en vigor e prazo de presentación de solicitudes
A orde desta terceira convocatoria entrará en vigor aos 5 días hábiles seguintes aos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
O prazo de presentación estará aberto desde o día da entrada en vigor da orde ata o 30 de setembro de 2026, ou, de ser o caso, até que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.

Forma e lugar de presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes.

Prazo de execución das accións formativas
A data límite para o remate das accións formativas desta convocatoria será o 29 de novembro de 2026.

lunes, 19 de enero de 2026

BOLSAS DE FORMACIÓN EN MATERIA DE DEREITOS DAS PERSOAS CONSUMIDORAS E SEGURIDADE DOS PRODUTOS 2026

 Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen, mediante tramitación anticipada de gasto, as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación en materia de dereitos das persoas consumidoras e seguridade dos produtos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CO400E).

Obxecto

Bolsas de formación, en réxime de concorrencia competitiva, que teñen por obxecto contribuír á formación práctica de titulados superiores en materia de consumo. As ditas bolsas desenvolveranse dentro do programa de traballo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, con suxeición ao programa de formación e coas indicacións que lles transmita o titor que teñan asignado.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas bolsas de formación as persoas que estean en posesión dalgún título universitario de licenciatura ou de grao en Dereito, sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Importe e duración
Oito bolsas cunha duración máxima de 10 meses cada unha, contados desde a data da incorporación da persoa bolseira e ata o 31 de decembro de 2026.
Cada bolsa estará dotada cun importe máximo de 11.000 euros brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 1.100 euros por mes.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

MODIFICACIÓN.- AXUDAS DO PROGRAMA DE UNIDADES MIXTAS DE INVESTIGACIÓN 2025

 Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2026 pola que se modifica a Resolución do 29 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do Programa de unidades mixtas de investigación, cofinanciadas pola Unión Europea nun 60 % no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento IN853A, IN853B e IN853C).

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE INVESTIMENTO EN ACTIVIDADES EMPRESARIAIS PARA A DIVERSIFICACIÓN AGRARIA 2026

 Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades empresariais para a diversificación agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, e se anuncia a convocatoria para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR708A).

Obxecto
Regular o procedemento de concesión das axudas que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas, mediante tramitación anticipada de gasto, destinadas á adquisición de bens de equipamento inherentes á actividade empresarial que están desenvolvendo as empresas existentes, co fin de mellorar, ampliar e/ou modernizar as súas estruturas de produción e/ou servizos.

Persoas beneficiarias
a) Pequenas empresas situadas en zonas rurais. Para estes efectos, a definición de pequena empresa é a que resulta do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).
b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.
c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros de súa unidade familiar ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Outros datos
A concesión de axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Os proxectos subvencionados recibirán unha porcentaxe de axuda do 50 % dos gastos subvencionables.
As axudas concedidas están amparadas no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE.

viernes, 16 de enero de 2026

CONVOCATORIA PROBAS DE AVALIACIÓN DO CERTIFICADO GALEGO DE COMPETENCIAS DIXITAIS 2026

 Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de xaneiro de 2026 pola que se anuncian as convocatorias das probas de avaliación para a obtención do certificado galego de competencias dixitais (ComDix) na Rede CeMIT, nos seus niveis de iniciación e intermedio, correspondentes ao primeiro semestre do ano 2026.

Datas e realización das probas
1. Establécense as seguintes convocatorias de probas:
2. Os detalles de cada convocatoria, as aulas concretas en que se realizarán as probas, os horarios asignados a cada unha delas e o número de prazas ofertadas publicaranse na web da Rede CeMIT https://cemit.xunta.gal cunha antelación mínima dun mes respecto da data de inicio das probas.
3. Na devandita web as persoas interesadas poderanse subscribir a un sistema automático de aviso ou recordatorio de apertura do prazo de inscrición nestas convocatorias, para facilitar a súa matriculación nelas.
4. As probas realizaranse de maneira presencial nas aulas da Rede CeMIT. As localizacións de cada aula pódense consultar na web https://cemit.xunta.gal/centros

Nivel Convocatoria Días das probas Horarios Prazo de inscrición

Iniciación Febreiro 25, 26 e 27 10.00 h Do 19 ao 28 de xaneiro

12.00 h

16.30 h

Intermedio Abril 28, 29 e 30 10.00 h Do 16 ao 25 de marzo

12.00 h

16.30 h

Iniciación Xuño 17, 18 e 19 10.00 h Do 4 ao 13 de maio

12.00 h

16.30 h

 Solicitudes de participación e prazo de inscrición

1. As persoas que desexen participar nas probas de certificación deberán ser maiores de 16 anos e inscribirse na páxina web da Rede CeMIT https://cemit.xunta.gal antes da finalización de cada prazo de inscrición indicado na base Primeira.1 deste anexo.

2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da Rede CeMIT no enderezo electrónico https://aulascemit.xunta.es/usuarios, para o que é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

Os datos persoais con que a persoa se inscriba na páxina web da Rede CeMIT serán os que se tomen de referencia durante todo o proceso de selección para a participación nas probas e a posterior emisión das certificacións. A Amtega non se fai responsable da emisión de certificacións con datos incorrectos por erros na inscrición ás probas.

3. O prazo de inscrición correspondente a cada convocatoria, que figura na base primeira desta resolución, terá unha duración de dez (10) días naturais contados desde a data de inicio do prazo. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. En cada convocatoria só se poderá presentar unha solicitude por persoa participante para unha aula, un día e unha hora. As persoas que figuren rexistradas en máis dunha localidade ou quenda para o mesmo mes de probas o día de finalización do prazo de inscrición serán excluídas automaticamente do proceso de participación.

5. Finalizado o prazo de inscrición e aplicados os criterios de selección que se recollen na base cuarta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas en cada unha das localidades na páxina web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), así como a listaxe de reservas e de persoas excluídas.