jueves, 15 de enero de 2026

BOLSAS DE EXCELENCIA PARA A MOCIDADE NO EXTERIOR (BEME) PARA ESTUDOS DE MÁSTER QUE SE INICIEN NO CURSO 2026/27

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2026/27 nunha universidade pública galega (código de procedemento PR911A).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión e proceder á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar determinados estudos de máster que se inicien no curso 2026/27 nunha universidade pública galega, condicionada aos límites de financiamento (código de procedemento PR911A).

Persoas beneficiarias
1. Poderán solicitar estas axudas a cidadanía galega residente no estranxeiro cunha titulación universitaria de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, diplomatura, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.
2. Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa fosen beneficiarias e desfrutasen desta bolsa en anteriores convocatorias.
3. Así mesmo, quedan excluídas aquelas persoas que resultasen beneficiarias desta bolsa en anteriores convocatorias e que causasen baixa ou renunciasen a ela, sempre que o fixesen despois do 15 de setembro do ano da correspondente convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 30 de abril de 2025 ás 23.59 horas (hora peninsular española), sen que en ningún caso poida ser inferior a un mes.

SUBVENCIÓNS DE PLANS DE FORMACIÓN DIRIXIDOS Á CAPACITACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTOS

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 22 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e coa negociación colectiva, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 (códigos de procedemento TR807K e TR807L).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a propia convocatoria de axudas que concederá a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ás organizacións sindicais e asociacións empresariais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e coa negociación colectiva, de acordo coa Orde TES/1079/2022, de 10 de novembro, que modifica a Orde TMS/379/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo (códigos de procedemento TR807K e TR807L).

Beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta convocatoria:
a) En relación coas subvencións destinadas ao financiamento de actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e coa negociación colectiva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (liña 1):
1º. As organizacións sindicais de carácter intersectorial que participan no dito ámbito, nos termos establecidos no artigo 7 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas para a consecución de calquera deses fins.
2º. As organizacións empresariais de carácter intersectorial que participan no dito ámbito, nos termos establecidos na disposición adicional sexta do texto refundido do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas para a consecución de calquera deses fins.
b) En relación coas subvencións destinadas ao financiamento de actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas coa negociación colectiva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (liña 2):
As organizacións sindicais e empresariais que participan no dito ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas para a consecución daqueles fins.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

PROGRAMA FÓRMATE NA EMPRESA 2026

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 17 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de estadías formativas en empresas ou entidades vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia, destinados ás persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026, programa Fórmate na Empresa (código de procedemento BS324D).

Obxecto
O obxecto é establecer o procedemento de concesión de subvencións para a posta en marcha de programas de estadías formativas para persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia en empresas ou entidades públicas ou privadas, vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia (programa Fórmate na Empresa 2026). O procedemento de concesión das subvencións será en réxime de concorrencia competitiva e conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación.
Os programas de estadías formativas-programa Fórmate na Empresa deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Contar cun mínimo de 8 e un máximo de 12 persoas mozas participantes.
b) O período de realización de estadías formativas nas empresas ou entidades será dun mínimo de 3 e un máximo de 4 meses consecutivos.
O período de realización das estadías formativas nas empresas ou entidades públicas ou privadas deberá finalizar, como data límite, o 31 de outubro de 2026.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde:
a) As entidades privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que desenvolvan actividades no eido da mocidade e/ou do emprego, e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.
b) Os concellos galegos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este, así como as entidades resultantes da fusión de concellos a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Así mesmo, aqueles concellos que, sen constituíren mancomunidade, acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as subvencións que regula esta orde, de conformidade co Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 28 de febreiro de 2013, polo que se determinan os criterios aplicables ás subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Outros datos
Poderase solicitar un anticipo de ata o 80 % do importe concedido en cada anualidade. A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá solicitalo marcando no recadro do anexo III.
A concesión da subvención tramítase en réxime de concorrencia competitiva e efectúase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.
O método de xustificación empregado será o de custos simplificados consonte o disposto nos artigos 53.1.d), 56.1 e 56.2 do Regulamento (UE) 2021/1060.
En todo caso, o importe máximo da axuda que se concederá a cada entidade beneficiaria establécese en 100.000 €.
Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento dos programas.

AXUDAS PARA A CONTINUIDADE DE CASAS DO MAIOR, 2026-2027

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 26 de decembro de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, para os anos 2026 e 2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212B).

Obxecto e finalidade
Esta orde ten como obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de subvencións, para os anos 2026 e 2027, destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado para a continuidade e mantemento das casas do maior postas en marcha nos anos 2019, 2021, 2022, 2023 e 2024.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas para a continuidade do funcionamento das casas do maior as persoas físicas que se estableceron como empresarias autónomas ou que constituíron cooperativas de traballo asociado que, durante os anos 2019, 2021, 2022, 2023 e 2024, puxesen en marcha unha casa do maior.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do 5º día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

miércoles, 14 de enero de 2026

CORRECCIÓN DE ERROS.-SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE AXUDAS DE REHABILITACIÓN DE VIVENDAS NO RURAL 2026

 Instituto Galego da Vivenda e Solo

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 22 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do programa de axudas de rehabilitación de vivendas no rural e se procede a súa convocatoria para o ano 2026, con carácter plurianual, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento VI435E).

CONVOCATORIA DE PROBAS DE AVALIACIÓN EN COMPETENCIAS CLAVE PARA ACCEDER Á FORMACIÓN DOS CERTIFICADOS PROFESIONAIS DE NIVEL 2 E 3 DE CUALIFICACIÓN

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder á formación dos certificados profesionais de nivel 2 e 3 de cualificación (código de procedemento TR306A).

Obxecto
O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos certificados profesionais de niveis 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR306A) para o ano 2026.
Así mesmo, cómpre establecer as posibles exencións ás probas e validacións das distintas competencias clave, así como consideracións sobre a expedición de certificados profesionais.

Competencias clave que se convocan
1. Convócanse probas nos niveis de cualificación profesional 2 e 3, nas seguintes competencias clave:
• Comunicación en lingua galega.
• Comunicación en lingua castelá.
• Comunicación en lingua estranxeira (inglés).
• Competencia matemática.
2. De conformidade coa disposición adicional quinta do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, a superación das probas de competencias clave permitirá o acceso á formación dos certificados profesionais do nivel correspondente.
3. As competencias clave requiridas para todos os certificados profesionais das 28 familias profesionais do Repertorio nacional de certificados profesionais para os niveis de cualificación 2 e 3, son competencia matemática, comunicación en lingua castelá e comunicación en lingua galega.
A competencia de comunicación en lingua estranxeira soamente se require nos certificados profesionais que teñen un módulo profesional de lingua estranxeira.
4. Co obxecto de facilitar a preparación desta proba, a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego pon á disposición da cidadanía, a través do Campus Virtual de Emprego, contidos formativos, probas e un servizo de titoría. As persoas interesadas poden acceder a eles, de forma gratuíta, na seguinte ligazón: https://conselleriaemprego.xunta.gal/formacion/competencias-clave/autoformacion-campus-virtual

Requisitos de participación
1. Poderán presentarse ás probas para a obtención do certificado de superación das competencias clave necesarias para o acceso á formación dos módulos profesionais dos certificados profesionais, tanto do nivel 2 como do nivel 3, as persoas que cumpran os dous seguintes requisitos:
a) Maiores de 16 anos ou que os teñan feitos en 31 de decembro do ano natural en que se realizan as probas.
b) Non estar en posesión de ningún dos requisitos de acceso á formación dos certificados profesionais establecidos no artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro).
2. No anexo III desta resolución infórmase das titulacións, certificacións ou acreditacións oficiais que reúnen os requisitos formativos de acceso aos certificados profesionais de nivel 2 e 3 de cualificación profesional a que se refire o punto anterior.

Realización das probas de avaliación en competencias clave
1. O lugar e horario de realización das probas de avaliación en competencias clave publicarase na páxina web https://conselleriaemprego.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. O calendario da convocatoria inclúese no anexo II desta resolución.
2. A persoa candidata realizará unha proba por cada unha das competencias clave convocadas nas cales se inscribise. A duración da proba en cada competencia clave é dunha hora.
3. Todas as persoas candidatas se deberán presentar no lugar e horario publicado para seren chamadas por orde alfabética en chamamento único. Para realizar as probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas admitidas. Estas instrucións serán publicadas na páxina web https://conselleriaemprego.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, como mínimo, tres días antes da data de inicio de realización das probas.
4. Para a realización das probas as persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade, do número de identificación de estranxeiros ou do pasaporte. Tamén deberán levar bolígrafo de tinta de cor azul ou negra.
Ás probas de competencia matemática poderase acudir con calculadora.
5. O exame das competencias clave en matemáticas estará redactado en galego e castelán; os exames de comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelá e de comunicación en lingua inglesa estarán redactados na lingua obxecto da proba.
6. Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen as probas con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recolla de móbiles.
7. Non se permitirá o acceso ao interior do lugar do exame con alimentos, excepto causa médica xustificada, que deberá acreditarse cun informe médico e comunicada con carácter previo ao exame.
8. Non se habilitará ningún servizo de consigna.
9. Só se poderá acceder cun bolso ou mochila de pequeno tamaño que a persoa aspirante terá sempre consigo, colocado no chan.
10. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.

martes, 13 de enero de 2026

AXUDAS DE REHABILITACIÓN DE VIVENDAS NO RURAL 2026

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do programa de axudas de rehabilitación de vivendas no rural e se procede a súa convocatoria para o ano 2026, con carácter plurianual, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento VI435E).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do programa de axudas de rehabilitación de vivendas no rural (código de procedemento VI435E).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2026.
3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias dos referidos inmobles situados, de conformidade co disposto no ordinal oitavo desta resolución, en concellos de menos de 5.000 habitantes e que acrediten ingresos non superiores a 6,5 veces o IPREM. No suposto de que as vivendas se vaian a destinar ao alugueiro non será de aplicación o citado límite de ingresos.
Para os efectos destas axudas, tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.
2. No suposto de que os inmobles se vaian a destinar ao alugueiro só se poderán conceder un máximo de tres axudas por persoa solicitante.
3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.n das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles dende o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de setembro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario previsto nesta convocatoria. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Non obstante, o prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 1 de setembro de 2026.
4. As solicitudes presentadas fora do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.