martes, 13 de enero de 2026

MODIFICACIÓN.- SUBVENCIÓNS PARA FINANCIAMENTO DE ACCIÓNS FORMATIVAS DO SISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL DOS GRAOS A, B, C PARA PERSOAS TRABALLADORAS DESEMPREGADAS

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 29 de decembro de 2025 pola que se modifica parcialmente a Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o financiamento de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025 e 2026, e se procede á súa segunda convocatoria para os exercicios 2026 e 2027 (código de procedemento TR301K).

Obxecto e ámbito de aplicación
1. O obxecto desta orde é a modificación parcial da Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o financiamento de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025 e 2026 (DOG núm. 130, do 9 de xullo de 2025).
2. E, así mesmo, proceder á segunda convocatoria de subvencións para os exercicios 2026 e 2027.

Entidades beneficiarias
Poderán solicitar e obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nesta convocatoria as entidades e centros de formación que, con anterioridade á data de presentación da solicitude, estean acreditados para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma as ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.

Persoas destinatarias da formación
1. As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa traballadora desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada referida á data de validación da acta de selección polas oficinas de emprego.
Non será precisa a inscrición como demandante no caso de estar inscrita no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.
2. Ademais das persoas traballadoras desempregadas, poderán participar nas accións formativas reguladas nesta orde as persoas traballadoras ocupadas, ata un límite do 30 % do número de persoas participantes na acción formativa.

Accións formativas subvencionables
Serán subvencionables as accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C.

Prazo de presentación das solicitudes e entrada en vigor
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día da entrada en vigor da orde ás 9.00 horas, de conformidade co establecido na disposición derradeira segunda da orde de convocatoria, ata o día 30 de novembro de 2026 ás 20.00 ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte.
Esta orde entrará en vigor aos 5 días hábiles seguintes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria
As solicitudes e documentación complementaria presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

Prazo de execución da segunda convocatoria
Na solicitude de subvención, as entidades deberán indicar a data prevista de inicio da acción formativa. En todo caso, as accións formativas deberán comezar no prazo máximo de 3 meses contado desde a data de notificación da resolución de concesión, e requirirán a validación previa do persoal técnico da unidade administrativa competente, a través da aplicación informática SIFO.
A data límite para o remate das accións formativas desta segunda convocatoria será o 31 de marzo de 2027.

AXUDAS A ACCIÓNS DE FOMENTO DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS E PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES NO ÁMBITO DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS CONFORME A LEI 31/1995

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 22 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2026 (códigos de procedemento TR852A e TR852B).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 da concesión de subvencións, pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de levar a cabo accións de formación, asesoramento e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia (código de procedemento TR852A) e para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (código de procedemento TR852B).

Beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias da subliña I.1 as asociacións sindicais intersectoriais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e as asociacións empresariais intersectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
2. Poderán ser entidades beneficiarias da subliña I.2:
a) As asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
b) As organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial. No caso das organizacións sindicais intersectoriais da subliña I.1 poderase presentar un máximo de 2 solicitudes por organización, sendo que as actuacións recollidas en cada unha das dúas solicitudes presentadas por cada organización sindical do antedito tipo poderán conter distintos plans sectoriais en función das necesidades preventivas e a formación demandada polas persoas traballadoras en cada un destes sectores, sen máis limitación que as cantidades máximas de subvención establecidas para cada solicitude. No caso de presentar unha solicitude intersectorial na subliña I.2, non se poderán presentar solicitudes por parte das organización sectoriais da mesma organización sindical.
c) As fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.
d) Asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
3. Poderán ser entidades beneficiarias da subliña II.1 as asociacións sindicais intersectoriais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e as asociacións empresariais intersectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
4. Poderán ser entidades beneficiarias da subliña II.2:
a) As asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
b) As organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.
c) As fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.
d) Asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes e, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

AXUDAS ECONÓMICAS DIRIXIDAS A EMPRESAS QUE REALICEN PUBLICACIÓNS PERIÓDICAS ESCRITAS ÍNTEGRAMENTE EN GALEGO 2026

 Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento PR858A).

Obxecto
1. De acordo co artigo 2 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen as axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativo, estas axudas económicas teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativo e da cultura nas tarefas de información xornalística.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas inscritas no Rexistro Mercantil que realizasen publicacións periódicas escritas integramente en galego durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.
2. Quedan excluídos da concesión de axudas:
a) Os boletíns de información interior ou de institucións.
b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.
c) As publicacións que se distribúan como suplemento, encarte ou de forma conxunta con outra publicación.
d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.
e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativo.
f) Aquelas publicacións que non se editasen durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria ou non manteñan a súa actividade no momento da concesión da subvención.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

lunes, 12 de enero de 2026

XORNADA FORMATIVA: PRODUCIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE MEL EN GALICIA



 


AXUDAS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE CERTAMES DE GANDO BOVINO SELECTO 2026

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 25 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR562A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, as bases reguladoras das axudas para a celebración de certames de gando bovino selecto na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MR562A).
2. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que as entidades solicitantes as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Entidades beneficiarias
1. Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde as entidades locais, as asociacións de persoas gandeiras, incluídas as xestoras dos libros xenealóxicos, asociacións de persoas empresarias e outras entidades sen ánimo de lucro que organicen certames de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c) Dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas.
d) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a celebración deste tipo de eventos.
e) Dispoñer dun regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes en cada tipo de certame, segundo a aptitude dos animais.
f) Contar coa autorización previa dos servizos veterinarios oficiais para a celebración do evento.
g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida para a xestión do libro xenealóxico ou a realización do control de rendementos, polo menos no relativo á acreditación de que os animais participantes nos eventos estean inscritos nos libros xenealóxicos correspondentes.
h) Os animais participantes en cada certame deben proceder, polo menos, de 5 explotacións distintas pertencentes a, polo menos, 5 titulares diferentes.
i) Ademais, no caso das entidades locais, deberán cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
2. Para poder participar nos certames, os animais:
a) Procederán de explotacións galegas cualificadas sanitariamente e cumprirán os requisitos sanitarios mínimos establecidos no regulamento interno.
b) Terán que permanecer en explotacións galegas polo menos os 12 meses previos á participación no evento, salvo no caso dos animais mantidos nelas desde o seu nacemento.
c) Estarán inscritos nos libros xenealóxicos das razas correspondentes.
3. As entidades beneficiarias deberán facer constar na publicidade e promoción do evento que se trata de actuacións celebradas en colaboración coa Xunta de Galicia, incluíndo os símbolos de identidade corporativa.

Solicitudes e prazo de presentación
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
O prazo para a presentación de solicitudes será o seguinte:
a) Para os certames celebrados desde o 1 de novembro de 2025 ata a data de publicación desta orde: un mes desde o día seguinte ao da súa publicación.
b) Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde: un mes contado desde o día seguinte ao da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2026.
De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou celebración, segundo o caso; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

CORRECCIÓN DE ERROS.- SUBVENCIÓNS PARA O IMPULSO DA INNOVACIÓN E SUSTENTABILIDADE DO COMERCIO LOCAL E ARTESANAL 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

CORRECCIÓN DE ERROS. Orde do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CO300C).

CORRECCIÓN DE ERROS. Extracto da Orde do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CO300C).

BOLSAS DE FORMACIÓN EN MATERIA DE ARQUIVOS CORRESPONDENTES AO PROGRAMA 2026-2027

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 18 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao Programa 2026-2027 (código de procedemento CT110A).

Obxecto
As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. Os bolseiros serán titorizados polo persoal técnico dos centros receptores, sen prexuízo da coordinación e seguimento realizados pola consellería competente en materia de cultura.
As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Beneficiarios
1. Graduados universitarios ou titulación equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que se acredite un mínimo de 75 créditos nas materias de historia, arquivística e/ou xestión documental.
2. Acreditación de dominio da lingua galega a nivel perfeccionamento, mediante certificado oficial ou Celga 4.
3. Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período igual ou superior aos seis (6) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da dirección xeral competente en materia de cultura, unha vez adxudicada a bolsa.
4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.
5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

Importe
Para a concesión das bolsas destinarase un crédito total de 246.000,00 € euros coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:
– 13.03.432A.480.1: 228.000,00 €.
– 13.03.432A.484.0: 18.000,00 €.
Número de bolsas: 18.
Duración máxima: 12 meses.
Importe bruto mensual de cada bolsa: 1.055,00 €.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.