viernes, 5 de mayo de 2023

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS GALEGAS

 AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, para o ano 2023, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2021-2027 (código de procedemento IN417Y).

Obxecto
Concesión de subvencións para a realización de proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado destas bases reguladoras.

Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia, corresponder a entidades incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, das actividades recollidas na alínea a) deste artigo e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará 10 de maio de 2023 ás 9.00 horas e finalizará o 15 de setembro de 2023.
As solicitudes presentaranse na páxina web do Inega accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado.

SUBVENCIÓNS PARA A ADQUISICIÓN DE BICICLETAS CON PEDALEO ASISTIDO E BICICLETAS DE MAN HÍBRIDAS OU ELÉCTRICAS PARA CADEIRAS DE RODAS PARA 2023 E 2024

 CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

ORDE do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades 2023 e 2024 (códigos de procedemento IF319A e IF319B).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto:
1. Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF319B), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IF319A), e convocalas para as anualidades 2023 e 2024.
2. Aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria do ano 2023 que figuran como anexos a esta orde:
– Anexo I. Solicitude de adhesión pola entidade colaboradora.
– Anexo II. Solicitude de axuda.
– Anexo III. Autorización para a representación.
– Anexo IV. Solicitude de pagamento.
3. Publicar o convenio de colaboración para a xestión das axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo V).

Persoas beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas maiores de idade que realicen a actuación subvencionable establecida no artigo 3 desta orde e estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, e que non obtivesen axuda para a mesma clase de obxecto subvencionado con cargo á Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 12 de xullo de 2022.
Adicionalmente, no caso de axudas para a adquisición de bicicletas de man, a persoa solicitante deberá xustificar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. A tramitación do procedemento da solicitude de axuda (código de procedemento IF319B) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, https://ebici.xunta.gal
2. As entidades colaboradoras presentarán as solicitudes de axuda por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), accedendo desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou, directamente, na URL https://ebici.xunta.gal

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes da axuda comezará o 1 de xuño de 2023, ás 10.00 horas, e finalizará o 15 de novembro de 2024 ou cando se esgoten os fondos.

jueves, 4 de mayo de 2023

VI PREMIO CGAC DE INVESTIGACIÓN E ENSAIO SOBRE ARTE CONTEMPORÁNEA

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 21 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do VI Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea e se convoca para o ano 2023 (código de procedemento CT143A).

Obxecto e finalidade
Tendo en conta a escaseza actual de canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, o Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea, ten por obxecto contribuír á investigación e produción de pensamento en arte contemporánea a través da presentación de traballos que sexan inéditos e redactados en lingua galega.

Beneficiarias
Pode participar no Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea, calquera persoa física, maior de idade, que presente un texto inédito en galego, relacionado con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 29 de setembro de 2023.

CORRECCIÓN DE ERROS.- PROGRAMA CONECTA CON GALICIA 2023

 PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 13 de abril de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR930A).

miércoles, 3 de mayo de 2023

AXUDAS PARA PROGRAMAS DE CALIDADE DESENVOLVIDAS POR CONSELLOS REGULADORES DE DENOMINACIÓN DE CALIDADE AGROALIMENTARIAS 2023

 AXENCIA GALEGA DA CALIDADE ALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2023 (código de procedemento MR302B).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas que, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, vai conceder a Axencia Galega da Calidade Alimentaria para actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos amparados por algunha denominación xeográfica de calidade das reguladas no capítulo II do título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, ou acollidos á produción ecolóxica, así como efectuar a convocatoria para o ano 2023.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas os consellos reguladores das distintas denominacións de calidade agroalimentaria existentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir os requisitos do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

AXUDAS PARA A CONTRATACIÓN DE XESTORES DE INTERNACIONALIZACION PARA 2023,2024 E 2025

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, e se procede á súa convocatoria plurianual para os anos 2023, 2024 e 2025 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e o seu obxectivo é facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior –priorizando a mocidade sen ou con pouca experiencia e os sénior experimentados maiores de 45 anos en situación de desemprego–, ao mesmo tempo que se apoia as pemes galegas no seu proceso de internacionalización poñendo á disposición das pemes información sobre profesionais con formación especializada e unha subvención a fondo perdido para a súa contratación.

Beneficiarias
As empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Empresas que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización.
As empresas terán que dispor do informe de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización realizado a través de programas de Igape a partir de 2013. De non dispor do citado Informe de alta, debe solicitalo a través da oficina virtual do Igape (procedemento IG192) dentro do prazo de presentación de solicitudes.
b) As persoas solicitantes deberán ter, polo menos, un centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) As persoas solicitantes acreditarán ter un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior.
d) As persoas solicitantes deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e non ser consideradas empresas en crise. Para os efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será de un mes contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo dun mes.

ESGOTAMENTO DO CRÉDITO DO PROGRAMA INVESTIGO 2023

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2023, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade ao esgotamento de crédito da Orde do 26 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Investigo, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco de Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e se convocan para o exercicio 2023 (código de procedemento TR349V).