lunes, 23 de octubre de 2023

AXUDAS PARA A EXECUCIÓN DE ACCIÓNS DE PROMOCIÓN EXTERIOR DAS EMPRESAS GALEGA 2023

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2023 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG622B).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e o seu obxecto é incentivar a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais. Así mesmo, preténdese incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización mediante a realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas.
Establécense dúas liñas de axudas, que son incompatibles entre si:
Galicia Exporta Empresas, dirixida ás pemes galegas.
Galicia Exporta Organismos Intermedios, dirixida a organismos intermedios empresariais de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias da liña Galicia Exporta empresas as empresas, incluídos os autónomos, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que cumpran coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que conten no devandito centro con polo menos un traballador por conta allea, na data de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) destas bases de axudas. Este último requisito non é aplicable ás empresas constituídas con menos de 42 meses de antigüidade na data de publicación das bases de axudas.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do final do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
2. Poderán ser beneficiarias da liña Galicia Exporta Organismos Intermedios:
a) Os organismos intermedios empresariais de Galicia. Este concepto inclúe as asociacións empresariais, confederacións empresariais (domiciliadas en Galicia), os consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústeres empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, así coma os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).
Enténdese por clúster empresarial para os efectos destas bases, as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.
b) Consideraranse así mesmo beneficiarias as empresas, que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión e que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, que participen directamente nas accións subvencionadas e ás que se lles imputará a axuda en minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas de minimis solicitadas e/ou concedidas nos últimos tres exercicios fiscais.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.