martes, 12 de enero de 2021

AXUDAS PARA A PREVENCIÓN DOS DANOS QUE CAUSAN DETERMINADAS ESPECIES DE FAUNA SILVESTRE 2021

 CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA

ORDE do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809D).


Obxecto
Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, oso e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, procedendo á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento MT809D).

Persoas beneficiarias
1. Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo e oso:
Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta, equino e apícola que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.
2. Liña para prevención de danos ocasionados polo xabaril.
Poderanse acoller a estas axudas:
a) As persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).
b) As explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.

Contía
a) Liña de prevención de danos ocasionados polo lobo: comprenderá ata un importe de trescentos mil euros (300.000 €, dos cales 200.000 € destinaranse para a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada e 100.000 € destinaranse para a adquisición e instalación de valados fixos).
b) Liña de prevención de danos ocasionados polo oso: comprenderá ata un importe de trinta mil euros (30.000 €) que se destinarán para a adquisición de pastores eléctricos.
c) Liña de prevención de danos ocasionados polo xabaril: comprenderá ata un importe de cento cincuenta mil euros (150.000 €) que se destinarán para a adquisición de pastores eléctricos.
A repartición anterior aplicarase sen prexuízo de que, unha vez atendidas todas as solicitudes para cada liña de actuación, poida utilizarse o posible orzamento sobrante nunha delas para atender solicitudes na outra.
Subvencionarase a adquisición de:
1. Cans para a protección e defensa do gando, ata un importe máximo de 500 € por can.
2. Adquisición de pastores eléctricos. A contía máxima da axuda por explotación é de 600 €.
3. Adquisición de cerrumes móbiles de malla electrificada. A contía máxima da axuda será de 100 € por malla de 50 m, ata un máximo de 8 mallas por explotación.
4. Adquisición de valados fixos electrificados. O importe máximo da axuda será de 3,00 € por metro lineal ata un máximo de 1.500 € por valado.
5. Valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica. A contía máxima da axuda será de 3,70 € por metro lineal ata un máximo de 3.700 € por valado.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.