miércoles, 27 de enero de 2021

AXUDAS DE APOIO Á ETAPA PREDOUTORAL NAS UNIVERSIDADES DO SUG, NOS ORGANISMOS PÚBLICOS DE INVESTIGACIÓN DE GALICIA E NOUTRAS ENTIDADES DO SISTEMA GALEGO DE I+D+i, 2021

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

ORDE do 31 de decembro de 2020, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (códigos de procedemento ED481A e IN606A).

Obxecto
O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e aos centros do CSIC e ao IEO radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros.
Este programa procura a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutora ou doutor e a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación dentro dun programa de doutoramento.
Ademais, co obxecto de que poidan acadar a mención de doutora ou doutor internacional, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, fináncianse estadías de tres meses de duración no estranxeiro.

Entidades beneficiarias
As universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) radicados en Galicia, que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.
Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran, na data de peche da convocatoria, os requisitos que se indican no artigo 2 da convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.