jueves, 19 de noviembre de 2020

X XORNADA DE FORMACIÓN PRÁCTICA DIXITAL (E-MARTES)

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2020 pola que se convoca, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a X Xornada de formación práctica dixital (E-martes).

Obxectivos.
O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, a autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.
Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

Contidos.
A X Xornada de formación práctica dixital (E-martes), que terá lugar o vindeiro martes, 1 de decembro, estará dedicada ao Rexistro electrónico na Xunta de Galicia. Os seus contidos adaptaranse aos dous grupos de persoas destinatarias desta actividade; constará dunha introdución xurídica, común aos dous grupos e titulada De rexistro a rexistro electrónico: pezas clave para a Administración electrónica, e unha posterior parte práctica, nas aulas de informática da escola, cos seguintes contidos específicos:
Grupo de persoal empregado público: sede electrónica da Xunta de Galicia. Chave365. Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro: intranet (espazo dixital de referencia para o persoal da Administración autonómica), Aires (aplicación informática de rexistro de entradas e saídas), Rexel (recepción electrónica do Sistema único de rexistro) e SIR.
Grupo de cidadanía: sede electrónica da Xunta de Galicia. Chave365. Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro: eServizos, servizos nas oficinas e Sistema de interconexión de rexistros (SIR).

Persoas destinatarias.
As persoas destinatarias desta actividade son:
O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais. Neste grupo de persoas destinatarias darase prioridade á inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
A cidadanía: profesionais e persoas interesadas no manexo das aplicacións descritas na súa relación coa Administración.

Inscrición.
1. A inscrición nesta actividade formativa só se poderá realizar por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais, ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. O prazo para a inscrición nesta actividade estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 25 de novembro de 2020.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.