viernes, 18 de agosto de 2017

CONVOCATORIA CURSOS DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA GALEGA E CURSOS PREPARATORIOS PARA OS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, presenciais e en liña, e cursos preparatorios para acadar os certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2017/18, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican nos anexos I e II, respectivamente.
Os cursos impartiranse entre setembro de 2017 e maio de 2018, en horario de mañá ou de tarde.
Persoas beneficiarias dos cursos
a) Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos aos empregados/as públicos/as da Administración autonómica, da Administración local e da Administración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, non entendendo por tales os empregados públicos da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.
Toda persoa solicitante deberase encontrar en situación de servizo activo, permiso por parto ou maternidade, adopción ou acollemento, ou ben en excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar; e aquela que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.
Para acceder ao curso medio de linguaxe administrativa os/as aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: Celga 4, cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, curso básico de linguaxe administrativa galega, curso básico para o persoal da Administración de xustiza ou curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.
Para acceder ao curso superior de linguaxe administrativa os/as aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: curso medio de linguaxe administrativa galega, curso medio de linguaxe xurídica galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes, que se establecen no punto 2 do artigo 5 da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño) pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.
Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as e posúan os certificados ou acreditacións equivalentes recollidos nos parágrafos anteriores. Neste suposto só se poderá optar ás prazas no caso de que non sexan cubertas por empregados/as públicos/as as prazas ofertadas para cada curso.
b) Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.
 Solicitudes e prazos de inscrición
As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na secretaría da escola oficial de idiomas correspondente unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
Con respecto aos cursos Celga, só se poderá facer unha solicitude de inscrición por cuadrimestre con tres preferencias priorizadas de grupos. Con respecto aos cursos de linguaxe administrativa galega, só se poderá facer unha solicitude de inscrición por cuadrimestre con dúas preferencias priorizadas de grupos e poderanse incluír na mesma solicitude cursos das dúas modalidades (presencial e en liña). En caso de adxudicación de praza en máis dun curso, o/a alumno/a deberá optar por un só curso nunha soa escola.
Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.
O prazo para presentar as solicitudes abranguerá desde o día 1 ata o 10 de setembro de 2017, para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro); e desde o 2 ata o 11 de xaneiro de 2018, para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).
A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado.
As dúbidas, as dificultades técnicas e mais as solicitudes de información serán atendidas a través do correo electrónico asesoria.eoi@edu.xunta.gal e do teléfono 981 54 65 11.