martes, 4 de abril de 2017

PROGRAMA ESCOLAS ABERTAS

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


 Obxecto
1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a realización de obradoiros culturais de especialización de carácter presencial dirixidos a persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior e ás persoas galegas residentes fóra de Galicia.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución a convocatoria de axudas para participar nos obradoiros para o ano 2017, procedementos PR923E e PR923H.
Persoas beneficiarias e requisitos
1. Persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior.
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para este programa as persoas responsables de impartir docencia naquelas entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
Poderán solicitar participar neste programa aquelas persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas:
a) Que teñan constituídas escolas ou grupos consolidados da especialidade solicitada cunha actividade continuada, cando menos, nos dous últimos anos.
b) Aquelas entidades que, non cumprindo o establecido no parágrafo anterior, tivesen grupos constituídos nos últimos dez anos e estean no seu proceso de recuperación.
c) No caso de persoas que soliciten participar no obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos.
As persoas solicitantes deben ser maiores de 18 anos e menores de 65 e ser responsables de impartir a docencia, na modalidade solicitada, dentro da entidade galega en que exercen a súa función docente. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia ou dedicación nas materias que se impartirán no obradoiro correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.
2. Persoal directivo das entidades galegas do exterior.
Para a modalidade de formación de persoal directivo, poderán ser beneficiarias aquelas persoas que pertenzan á xunta directiva daquelas entidades galegas que, no Rexistro da Galeguidade, estén inscritas nas sección de Comunidades Galegas, Centros Colaboradores ou Federacións de Entidades.
As persoas solicitantes por estas entidades deberán ter unha idade comprendida entre os 21 e 31 anos, e formar parte da xunta directiva destas entidades no último ano, cando menos, na data do remate do prazo de presentación de solicitudes.
As persoas solicitantes dos distintos obradoiros non poderán ter participado no Programa escolas abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así foi, quedarán excluídas.
Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas solicitantes que exerzan o seu labor docente ou pertenzan a entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Persoas físicas que non exerzan docencia nunha entidade galega do exterior.
Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as persoas emigrantes galegas e os seus descendentes ata o segundo grao de consanguinidade, maiores de 18 anos e menores de 65, residentes fóra de Galicia, que acrediten ser responsables de impartir docencia na modalidade que soliciten en entidades distintas das mencionadas no número 1 deste artigo e que cumpran os requisitos exixidos para o resto dos participantes.
Non poderán ser beneficiarias as persoas en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin poderán ter participado no Programa escolas abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así foi, quedarán excluídas.
3. Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.