viernes, 13 de enero de 2017

CONVOCATORIA PROCESO DE ACREDITACIÓN DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS ADQUIRIDAS A TRAVÉS DA EXPERIENCIA LABORAL EN DETERMINADAS UNIDADES DE COMPETENCIA

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto e ámbito de aplicación
O obxecto desta orde é realizar a convocatoria e establecer o procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, mediante a acreditación de unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.
Estrutura organizativa
A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa será a encargada da organización e do desenvolvemento do proceso de acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral e por vías non formais de formación, a través da Subdirección Xeral de Formación Profesional.
Lugar de realización (sedes)
O desenvolvemento do proceso terá lugar nos centros integrados de formación profesional (CIFP) recollidos no anexo II desta orde.
Convocatoria do procedemento
1. As unidades de competencia e o número de prazas obxecto desta convocatoria, así como a súa relación cos títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade, son os recollidos no anexo I desta orde.
2. A convocatoria será publicada integramente no Diario Oficial de Galicia, e un extracto no BOE.
Requisitos de participación no procedemento
1. Para acceder a este procedemento, os candidatos e as candidatas deberán cumprir os requisitos seguintes:
a) Posuír a nacionalidade española, atoparse incluido como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito da aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE, ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.
b) Ter feitos no momento de realizar a inscrición 18 anos, para as unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel I, e 20 anos, para as unidades de competencia de nivel II e III.
c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.
c.1) No caso de experiencia laboral, xustificaranse polo menos tres (3) anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria, para unidades de competencia de niveis II e III, e para unidades de competencia de nivel I, xustificaranse, cando menos 2, anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total.
c.2) No caso de formación, xustificaranse polo menos 200 horas para unidades de competencia de nivel I ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis II e III, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que se pretendan acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.
d) As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou estar realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición. Tampouco poderán estar en posesión dun título de formación profesional ou dun certificado de profesionalidade que conteña a/s unidade/s de competencia que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial da/s unidade/s de competencia que solicita. Ademais, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración u organismo público, conducente a acreditación das mesmas unidades de competencia. Para todo isto presentarán declaración responsable que farán constar na solicitude.
2. As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados no número anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presentasen a xustificación mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación. A comisión de coordinación recollida no artigo 5 da presente orde será a encargada de estudar estes casos, e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva como solicitante na correspondente sede.
Presentación de solicitudes e inscrición
1. As solicitudes deberán presentarse en papel na secretaría do centro integrado de formación profesional (CIFP) onde se vaia desenvolver o procedemento segundo o recollido no anexo II desta orde. A solicitude de participación no procedemento farase empregando a aplicación informática subministrada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se atopa no enderezo www.edu.xunta.es/acreditacion. A solicitude, conforme o modelo que figura como anexo III desta orde, logo de ser cuberta e xerada pola aplicación, deberase imprimir para a súa presentación, xunto coa documentación indicada na solicitude. Os datos relacionados coa documentación xustificativa do historial profesional e/ou formativo alegados e dos requisitos de participación no procedemento segundo o establecido nos artigos 6 e 7 desta orde cargaranse tamén na dita aplicación informática.
En caso de enviarse por correo, o envío da solicitude, deberá ser certificado, co selo de Correos no encabezamento da primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación. Deberase xuntar copia compulsada da documentación que se precise.
De non presentar a solicitude e documentación consonte o establecido anteriormente, as solicitudes serán excluídas do proceso de admisión.
2. Os solicitantes que participaron en convocatorias anteriores dentro dos últimos cinco anos, e pasaron á fase de asesoramento e/ou de avaliación ou quedaron como reservas por non dispor de prazas vacantes, de participar na presente convocatoria e na mesma sede non terán que presentar a documentación xa achegada. Tamén poderán acollerse na aplicación informática á opción de recuperar os datos cargados para actualizalos, ou cargar unha solicitude de novo.
3. O prazo de presentación de solicitudes será desde o 10 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2017, ambos os dous incluidos.