lunes, 9 de mayo de 2016

INSTRUCCIÓNS DE ACCESO E ADMISIÓN ÁS ENSINANZAS SUPERIORES E DESEÑO CURSO 2016/17

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Acceso
a) De acordo co establecido no artigo 16 da Orde do 30 de setembro de 2010, para o acceso ás ensinanzas superiores de Deseño requirirase estar en posesión do título de bacharel ou titulación declarada equivalente, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, e superar a proba específica de acceso.
b) Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán realizar a dita proba e, no caso de obter praza, matricularse de forma provisional no prazo establecido; deberán acreditar a obtención do título de bacharel antes do inicio do curso no mes de setembro e no caso de non acreditalo, perderán o dereito á matrícula e á praza.
c) De conformidade co citado artigo 16.2 da citada Orde do 30 de setembro de 2010, a superación desta proba específica permitirá acceder a calquera dos centros do Estado onde se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da súa dispoñibilidade de prazas.
d) Así mesmo, segundo o establecido no citado artigo 18.1 da citada orde, poderán acceder aos estudos superiores en Deseño, sen realizaren a proba específica sinalada no artigo 16 desta orde, os aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño.
Inscrición para realizar as probas
a) A inscrición farase na Secretaría da Escola de Arte e Superior de Deseño de Galicia elixida en primeira ou única opción, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o 7 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado.
b) Para a formalización das solicitudes de admisión, as escolas de Arte e superiores de Deseño facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na Secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:
– Título de bacharel ou titulación equivalente, ou certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba de acceso a estas ensinanzas para maiores de dezaoito anos ou algunha materia do bacharelato, farano constar na solicitude, quedando condicionada á superación dela.
c) O día 8 de xuño as escolas de Arte e superiores de Deseño exporán as listaxes provisionais de admitidos ás probas no seu taboleiro de anuncios e na súa páxina web. O alumnado que non sexa admitido ou detecte erros na listaxe poderá presentar a súa reclamación os días 9 e 10 de xuño na Secretaría da escola en que fixeran a inscrición.
d) O día 13 de xuño as escolas de Arte e superiores de Deseño deberán enviarlle á comisión de acceso, a través de correo electrónico, a relación definitiva de persoas inscritas para o acceso e admisión en cada especialidade das ensinanzas superiores de Deseño, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, con expresión da proba ou probas que deba realizar, e centros a que opte, ordenados segundo a súa preferencia.
e) O día 13 de xuño a relación definitiva de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios de cada escola, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es
Admisión do alumnado
a) Unha vez concluída a proba específica, e antes do día 27 de xuño os tribunais publicarán as listaxes de aspirantes, con expresión da cualificación final obtida, e os aspirantes presentados e non presentados, ordenadas por cada especialidade segundo a puntuación en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web da escola onde se realizase a proba, e remitirán as ditas listaxes á DXEFPIE, para a súa publicación no portal educativo, o día 27 de xuño.
b) Os/as aspirantes poderán presentar reclamación por escrito en contra das cualificacións ou solicitar a corrección dos erros que se detecten, na secretaría do centro en que se realizou a proba, durante os días 28 e 29 de xuño.
c) Os tribunais encargados da avaliación e cualificación da proba específica de acceso resolverán sobre as solicitudes de corrección de erros ou reclamacións en contra das cualificacións antes do día 30 de xuño de 2016.
d) Os tribunais comunicarán o 30 de xuño á comisión de acceso a relación definitiva de aspirantes que superaron as probas de acceso, ordenados por puntuación e en orde decrecente, segundo as distintas especialidades, e publicarán estas no taboleiro de anuncios e na páxina web da escola onde se realizou a proba.
e) A comisión, á vista das listaxes dos aspirantes que superaron a proba de acceso, determinará, en función do número de vacantes, os aspirantes que obtiveron praza nas respectivas escolas de Arte e superiores de Deseño, e elevará a proposta á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
f) A listaxe de persoas admitidas en cada escola e especialidade será comunicada ás respectivas escolas de Arte e superiores de Deseño o día 4 de xullo, e exposta no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es.
g) No caso de quedaren prazas vacantes, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá establecer un proceso extraordinario de acceso na primeira semana de setembro.
Matrícula
a) O alumnado que obteña praza poderá formalizar a súa matrícula entre os días 6 e 15 de xullo, ambos os dous incluídos.
b) Para a formalización das solicitudes de matrícula, as escolas de Arte e superiores de Deseño facilitaranlles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única instancia na Secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2016/17.
c) O día 18 de xullo as escolas de Arte e superiores de Deseño remitirán á comisión de acceso as listaxes de aspirantes matriculados en cada especialidade.
d) O día 22 de xullo a comisión de acceso publicará no portal educativo as listaxes de espera para cada especialidade e centro.
e) A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnos e alumnas admitidos. Non se cuantifica, para estes efectos, o alumnado repetidor.