lunes, 4 de abril de 2016

BOLSAS DE COLABORACIÓN EN PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

CONSELLO DA CULTURA GALEGA


Obxecto e destinatarios
Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación concretos que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e que se inclúen como anexos a esta resolución, na cal se detallan os requisitos específicos que deben reunir as persoas solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.
As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Requisitos xerais
Poderán solicitar estas bolsas ou ser beneficiarios/as delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada bolsa se sinalen nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión da titulación académica requirida para a bolsa para a cal presente solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter acabados os estudos conducentes a el no curso académico 2010/11 ou posterior.
c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega.
d) Non resultar beneficiario dunha bolsa de colaboración convocada polo Consello da Cultura Galega en convocatorias anteriores durante un prazo superior a 12 meses.
e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 7 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).
Prazo de solicitude: ata o 4 de maio de 2016.