jueves, 3 de marzo de 2016

PROGRAMA INICIATIVA XOVE

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL



 Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2016, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas e participen activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas, e convocar estas axudas.
Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritarias que se desenvolverán mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade concretar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude na súa comunidade e no seu contorno, así como de fomento da accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de lecer.
c) Proxectos que permitan a participación en experiencias de educación non formal en distintos campos.
d) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.
e) Proxectos que fomenten a participación e a dinamización das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
f) Proxectos que contribúan á conservación do ambiente e á posta en valor do patrimonio natural.
2. A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.
Persoas destinatarias
Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:
a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.
b) As asociacións xuvenís e as entidades que presten servizos á mocidade que carezan de interese de lucro e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.
Requisitos
Para seren beneficiarias da axuda a que se refire esta orde, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos no momento da presentación da solicitude:
1. As asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á mocidade e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, modificado polo Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto 397/1988).
2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de cinco e un máximo de oito mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados, e unha destas persoas asumirá o papel de representante único/a do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario/a, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique.
Ademais, no caso de grupos informais, as persoas que os compoñan deberán estar empadroados nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.
3. O incumprimento por parte de calquera dos membros do grupo do requisito da idade ou do empadroamento suporá a non admisión a trámite da solicitude.
4. Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou que pertenza a outro grupo ou asociación solicitante destas axudas.
5. En ambos os casos, é requisito para ser beneficiario/a destas axudas non estar incurso/a en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no último ano. No caso dos grupos informais, non poderá obter subvención o proxecto presentado por un grupo do cal formen parte mozas ou mozos que o ano anterior participasen nun proxecto subvencionado e non xustificado, aínda que o promotor deste fose un grupo distinto. De todos os xeitos, para a disolución dos grupos deberase ter en conta o disposto no artigo 17.k) desta orde, en relación co artigo 8.3 da Lei 9/2007, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.
Prazo de solicitude: ata o 4 de abril de 2016.