jueves, 24 de septiembre de 2015

AXUDAS A PARTICULARES PARA A ADQUISICIÓN MOBILIARIO DE COCIÑA E BAÑO

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


 Obxecto
As presentes bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape destinadas a incentivar a demanda de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario para cociña e baño en Galicia, para persoas físicas, co fin de incrementar e incentivar a demanda interna e tratar de repercutir con ela nos sectores industriais e comerciais galegos, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.
O Igape publicará na súa páxina web www.igape.es/reforma15 a relación actualizada en todo momento dos establecementos de venda adheridos ao programa.
Actuacións, gastos subvencionables e contía das axudas
1. Serán subvencionables as operacións de adquisición de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario para cociña e baño (excluídos electrodomésticos) realizadas nun establecemento de venda adherido, que cumpran as seguintes condicións:
a) Adquirir un ou varios bens obxecto de subvención nalgún dos establecementos de venda adheridos á presente iniciativa.
b) Para ser subvencionable unha operación de compra deberá acadar un custo mínimo de 1.000 € (sen incluír IVE).
c) A subvención máxima que se percibirá por persoa física será de 1.000 € nunha ou varias operacións.
d) Os bens obxecto de axuda deberán ser destinados, nun prazo de tres meses desde a solicitude, á reforma ou nova instalación de mobiliario no enderezo indicado na solicitude de axuda. Este domicilio non poderá figurar en ningún expediente doutro solicitante de axuda ao abeiro deste programa. Os beneficiarios da axuda declararán responsablemente que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional.
e) Os establecementos de venda deberán identificar claramente os materiais e pezas de mobiliario susceptibles de axuda conforme o establecido nestas bases.
f) Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
2. Non se considerarán subvencionables os gastos e custos financeiros que sexan consecuencia do investimento nin os gastos realizados en bens usados.
3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día da presentación da solicitude e o derradeiro día do prazo de xustificación.
4. O IVE (imposto sobre o valor engadido) considerarase gasto subvencionable, dado que os beneficiarios son particulares, para xustificar o cal será necesario realizar unha declaración responsable (establecida na solicitude-anexo II) en que se indique que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional. Porén, para calcular a contía da subvención terase en conta o prezo dos bens impostos excluídos.
5. A contía da axuda será dun 20 % sobre o prezo dos bens, impostos excluídos, e antes do desconto requirido no seguinte parágrafo, cun máximo acumulado de subvención de 1.000 € por beneficiario.
A axuda do Igape virá condicionada a un desconto realizado polo establecemento de venda, que será realizado sobre a base impoñible da factura, de importe polo menos da mesma contía que a axuda outorgada polo Igape.
Polo tanto, a diferenza de prezo sobre a base impoñible resultante para o comprador dos bens obxecto de axuda será do 40 % desta, cos límites expostos, mediante o desconto e a subvención á compra, sen prexuízo de calquera desconto adicional que se poida obter por políticas concretas de venda ou promocións dos establecementos ou fabricantes.
6. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao seu valor do mercado.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes de axuda (que inclúen a documentación xustificativa e a solicitude de cobro) comezará 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 16 de novembro de 2015, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia (código de procedemento IG219).
O prazo de xustificación da axuda estenderase ata o 30 de novembro de 2015.