jueves, 30 de julio de 2015

SUBVENCIONS PARA A CONTRATACIÓN DE AXENTES DE EMPREGO E UNIDADES DE APOIO, A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 21 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á convocatoria para o ano 2015.

Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo o nome xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais sinaladas no artigo 3, a través da concesión de axudas e subvencións para a contratación ou prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2014 de axentes de emprego e unidades de apoio (procedemento TR352B), que colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
2. Para o adecuado exercicio das súas funcións e actividades, os e as axentes de emprego poderán contar coa axuda e asistencia de unidades de apoio de carácter administrativo, que serán coordinadas por aqueles.
3. A concesión e goce destas axudas para a contratación de axentes de emprego ou unidades de apoio non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.
Entidades beneficiarias. Requisitos
1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 1 que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Para ser beneficiarias, ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.
b) Dispor de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.
3. Para os efectos do disposto na letra b) do parágrafo anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:
a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgasen a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
b) Que sexan titulares dun contrato de telefonía fixa no citado local.
c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.
4. Para os efectos do disposto na letra b) do parágrafo segundo e sen prexuízo do inicio das actuacións administrativas que correspondan de conformidade co disposto na orde de convocatoria que en cada momento resulte de aplicación, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, presumirase que as entidades non dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Que por mor de denuncias ou reclamacións escritas se teña constancia do incumprimento por parte da entidade solicitante da obriga de satisfacer ao seu vencemento as obrigas económicas derivadas do funcionamento dos servizos subvencionados en exercicios anteriores, especialmente as de carácter salarial.
b) Que non tivesen presentado a documentación xustificativa prevista no artigo 18.2.c) correspondente ás subvencións para o fomento do emprego dos programas de cooperación en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores desempregados, así como axentes de emprego e/ou unidades de apoio, de exercicios anteriores.
Prazo de solicitude: ata o 31 de agosto de 2015.