viernes, 26 de junio de 2015

PLAN RENOVE DE CALDEIRAS DE ALTA EFICIENCIA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Obxecto
A presente orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas por parte da Consellería de Economía e Industria destinadas a promover a instalación de caldeiras de alta eficiencia enerxética de gas natural, GLP ou biomasa de potencia térmica maior ou igual a 5 kW para a produción de auga quente sanitaria e/ou calefacción en substitución de caldeiras de baixa eficiencia enerxética situadas en vivendas particulares e comunidades de propietarios de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia (códigos de procedemento IN422D-IN422E).
As novas instalacións e equipamentos axustaranse ao establecido no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas en edificios así como a calquera outra normativa de aplicación.
As caldeiras de gas natural ou GLP que se van implantar e que son obxecto da axuda deberán contar con cámara de combustión estanca e ser de condensación ou baixa temperatura.
Esta orde subvencionará unicamente, no referente a instalación de novas caldeiras de biomasa, aquelas actuacións que se vaian desenvolver en vivendas unifamiliares e comunidades de veciños situadas nas zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Esta información pode ser consultada nos propios concellos ou na web http://www.planeamentourbanistico.xunta.es .
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas físicas de dereito privado, propietarios ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial, comunidades ou mancomunidades de veciños, sempre que a actuación subvencionable descrita no artigo 2 se realice en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia.
Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.
Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida pola DXEM no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.
Presentación de solicitudes
As entidades colaboradoras do Plan renove de caldeiras de alta eficiencia son as encargadas de tramitar o procedemento (facer a reserva dos fondos, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).
Prazo de presentación de solicitudes
As entidades colaboradoras contarán cun prazo de 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia para solicitar a a súa adhesión (código do procedemento IN422D).
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comenzará 25 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de outubro de 2015, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web da DXEM e no Diario Oficial de Galicia (código do procedemento IN422E).