martes, 19 de mayo de 2015

CONVOCATORIA DE PROBAS LIBRES DE TÍTULOS EXTINGUIDOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


 Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer en centros públicos a realización de dúas convocatorias de probas libres para a obtención de títulos de formación profesional actualmente extinguidos dos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, co fin de lle permitir finalizar os estudos e lograr a titulación ao alumnado que cursou as ensinanzas dos devanditos títulos na Comunidade Autónoma de Galicia.
A relación de ciclos formativos para os que se convocan probas libres de módulos profesionais de títulos extinguidos no curso académico 2015/16 e a dos centros públicos en que se realizarán as devanditas probas figuran no anexo I desta orde.
2. As dúas convocatorias terán lugar no curso académico seguinte ao da extinción definitiva da docencia do título, consonte o seguinte calendario:
A primeira convocatoria realizarase no mes de setembro, antes do comezo das actividades lectivas, co fin de posibilitar a matrícula no ciclo equivalente establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
A segunda convocatoria realizarase no mes de xuño, coincidindo co remate das actividades lectivas.
3. Poderán ser obxecto de avaliación nas devanditas convocatorias todos os módulos profesionais dos ciclos formativos extinguidos agás o de Formación en centros de traballo (FCT), que se regulará segundo o disposto no artigo 9 desta orde.
4. O alumnado con módulos pendentes en ciclos formativos de menos de 2.000 horas de duración tras a realización da primeira convocatoria prevista de probas libres poderá solicitar praza no segundo curso polo réxime ordinario, para os efectos de rematar o ciclo formativo que se extingue, se cumpre os correspondentes criterios de promoción.
5. O alumnado con módulos pendentes diferentes ao de FCT tras a realización de calquera das dúas convocatorias previstas de probas libres e que desexe finalizar os seus estudos poderá matricularse, de ser o caso, nas ensinanzas do título equivalente establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para o que se aplicará o réxime de validacións de módulos establecidos no real decreto correspondente.
No caso do réxime ordinario, a matrícula formalizarase no curso que corresponda en función do cumprimento dos requisitos de promoción.
Lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes de inscrición para participar nas probas libres obxecto desta orde presentaranse nas secretarías dos centros públicos que ofreceron as correspondentes ensinanzas no momento da súa extinción e irán dirixidas á dirección do centro educativo, de acordo co seguinte:
a) As persoas aspirantes que cursaron o ciclo formativo nun centro público deberán presentar necesariamente a solicitude no mesmo centro en que estiveron matriculadas. En caso de non ofrecerse o ciclo formativo no momento da extinción, rexerase polo disposto na alínea b).
b) No caso de alumnado procedente de centros privados, deberase presentar a solicitude nalgún dos centros públicos aos cales se fai referencia anteriormente.
No caso de remitirse a solicitude por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior á de pechamento da convocatoria.
2. Establécense dous prazos de presentación de solicitudes, en función das convocatorias previstas:
a) Para a primeira convocatoria: do 7 ao 17 de xullo de 2015.
b) Para a segunda convocatoria: do 6 ao 16 de maio de 2016.
3. O modelo de solicitude axustarase ao establecido no anexo II desta orde. Estará dispoñible na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.es , nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp . Xuntarase a documentación acreditativa que corresponda.
4. Os centros farán pública no taboleiro de anuncios a relación provisional de persoas admitidas no prazo máximo de dous días hábiles desde a finalización do prazo correspondente. Poderase presentar reclamación no prazo máximo de tres días hábiles.